Afirma que, co novo contrato, a Xunta seguirá a ser titular da instalación, terá o poder xeral de ordenación das normas de uso e conservación e tamén exercerá as facultades de supervisión, impulso e control da mesma
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación da licitación da xestión do Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia, que ata agora xestionaba Sogarisa, cun contrato que vence este ano e que agora se saca a concurso público entre todos os operadores de residuos que queiran participar.
Como destacou Feijóo, co novo contrato, a Xunta seguirá a ser titular da instalación, terá o poder xeral de ordenación das normas de uso e conservación e tamén exercerá as facultades de supervisión, impulso e control da mesma.
Sobre a nova adxudicación, o presidente do Goberno galego aclarou que non xerará ningún gasto para a Xunta, xa que a retribución do adxudicatario consistirá no importe recadado pola prestación de servizos. É máis, suporalle ingresos, xa que a adxudicataria deberá abonar ao Goberno galego un canon anticipado de 3,5 millóns de euros, outro canon anual fixo de 45.000 euros e outro variable segundo os beneficios.
Ademais, destinarase o 5 por cento da facturación bruta anual das actividades de tratamento de residuos a dotar un Fondo Local para o Concello das Somozas, onde se sitúa a instalación.
Segundo matizou Feijóo, á hora de adxudicar o contrato, a Xunta terá en conta das ofertas presentadas a viabilidade do plan de explotación. Así mesmo, valorará o Plan de investimentos que acheguen, dando maior puntuación ás que susciten un maior volume de investimento e priorizaranse aqueles plans que propoñan a ampliación da infraestrutura para mellorar e optimizar o tratamento de residuos.
A estratexia do Goberno galego en materia de residuos, como sinalou Feijóo, persegue a implantación dun novo modelo máis sostible, facendo especial fincapé na prevención e na valorización.
En definitiva, este contrato por 20 anos ten un valor estimado de 230 millóns de euros e a retribución do adxudicatario consistirá no importe do prezo que recada pola prestación dos servizos abonado polos usuarios.
Como lembrou o titular da Xunta, nun primeiro momento aprobouse e púxose en marcha o Plan de Xestión de Residuos Urbanos e agora os esforzos da Xunta céntranse no eido dos residuos industriais, tendo en tramitación o Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia e contando nos orzamentos para 2016 con 3 millóns de euros para prevención e reciclaxe deste tipo de residuos.