
Fixérono nun acto celebrado no local La Morena, un dos gañadores da pasada edición do certame, acompañadas por Pedro López e Guillermo Fernández, de Estrella Galicia; Martín Alemparte, director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal); e outros representantes da Corporación municipal e das empresas e entidades patrocinadoras e colaboradoras do concurso.
Alí puideron probar unha das 68 tapas -sete máis que na pasada edición- que poderán degustarse en 42 locais composteláns. Estes establecementos están distribuídos en sete rutas ou (é)Tapas que levan nomes dos Camiños de Santiago. Ademais establecéronse tres rutas de interese especial: sen glute, vexetariana e doce.
Aquelas persoas que completen estas rutas ou (é)TAPAS no Tapasporte poderán gañar diversos agasallos. Este documento, en formato libriño, pode recollerse en todos os locais participantes e na Oficina de Turismo de Santiago (rúa do Vilar, 63) en horario de 10.00 a 18.00 h de luns a domingo. Ademais, este sábado 15 de febreiro haberá un premio especial para as persoas que presenten os selos cubertos dos cinco establecementos distinguidos co selo de Calidade Turística SICTED, que son: Bodeguilla de San Lázaro, Bodeguilla de Santa Marta, Redes, O Sendeiro e Orixe.
A alcaldesa Goretti Sanmartín recordou que se trata da segunda edición deste concurso que se celebra en febreiro: “sabemos que o ano pasado funcionou moi ben, conseguiuse que houbera moita xente que se achegase á hostalaría nesta época considerada de baixo consumo”. “Ademais, este ano subimos o número de locais e ademais hai uns percorridos magníficos”, salientou a rexedora que animou a toda a veciñanza de Santiago e da comarca a “achegarse a Compostela, consumir na hostalaría e probar estas tapas deliciosas”.
Premios
Entre todas as tapas presentadas outorgaranse, mediante o voto ponderado do xurado profesional e do público, un premio á mellor tapa creativa, á mellor tapa tradicional e á mellor tapa doce; dotados cada un deles cun diploma e 1.000 euros. Ademais, tamén se premiará a mellor tapa sen glute, que recibirá un cheque de 200 euros para produtos aptos para persoas celíacas; e un premio á mellor maridaxe con cervexa Estrella Galicia e outro á mellor maridaxe co viño Ponte da Boga, consistentes en 500 euros en produto.
Os votos do público poderán realizarse a través dos códigos QR que lles entregarán os locais participantes unha vez que consuman a súa tapa. Entre todas as persoas que o fagan, sortearase un agasallo.
O XVI Santiago(é)Tapas, organizado e promovido por Turismo de Santiago baixo o paraugas da marca Compostela Gastronómica, co apoio da Deputación da Coruña, conta como patrocinador principal coa empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá. Ademais, tamén colaboran co concurso a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), o Mercado de Abastos de Santiago, Cash Record, Cafés Dromedario, ACEGA (asociación de persoas celíacas de Galicia), Utimaq, Obradoiro CAB e SD Compostela.
Toda a información está dispoñible na páxina web santiagoetapas.gal
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.