Feijóo destaca que a nova lei equipara a nosa normativa ás doutras Comunidades e Estados europeos, implanta medidas no control do abandono dos animais e loita contra o maltrato animal, un dos seus principais obxectivos
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe o inicio da tramitación do anteproxecto de Lei galega de protección e benestar dos animais de compañía, que equipara a nosa normativa ás doutras Comunidades e Estados europeos, implanta medidas no control do abandono dos animais e aposta pola educación da cidadanía no respecto e a protección aos animais.
O titular da Xunta destacou que un dos principais obxectivos desta nova Lei é loitar contra o maltrato animal, non só na súa representación como violencia extrema, senón tamén noutras manifestacións, tales como someter ao animal a condicións hixiénicas e sanitarias cuestionables, ou o seu emprego en espectáculos prohibidos ou nos que non se garantan unhas condicións mínimas de benestar.
As características da nova lei
Nesa liña, o texto establece a prohibición expresa de determinadas mutilacións nos animais, coma o corte de orellas ou rabo, que se facía co fin de manter unha serie de características dun tipo de raza. Tamén se prohibe o emprego de calquera trebello destinado a impedir ou limitar a mobilidade dun animal que lle produza danos ou sufrimentos ou lle impida manter a súa posición normal e mesmo se prohibe o emprego de animais silvestres en espectáculos circenses e se tipifica dita infracción ou delito como moi grave.
Como sinalou Feijóo, esta lei vai máis alá ao estender no réxime sancionador a responsabilidade non só aos organizadores, senón tamén aos que participen ou colaboren dalgunha maneira neses espectáculos.
Outro dos retos aos que se enfronta a lei, segundo engadiu, é o de paliar o abandono dos animais domésticos, e a lograr este obxectivo van destinadas varias medidas. Así, as asociacións de defensa e protección dos animais poderán ser declaradas entidades colaboradoras da Xunta e poder así subscribir convenios de colaboración para facer énfase na divulgación e na educación.
Ademais, introdúcese a obriga de identificación en todos os cans, mediante microchip, e a inscrición no Rexistro galego de identificación de animais de compañía, o que minorará o abandono, e crearanse os fogares de acollida cun réxime de acollemento temporal nos que se garanta o coidado e atención que precisen os animais.
No que atinxe aos animais potencialmente perigosos, o titular do Goberno galego apuntou que se concretarán as razas de can que teñen tal consideración, establécese a obriga da obtención previa da licenza municipal para poder ter un can desta categoría e deberase inscribilos no rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.
Por outra banda, como matizou Feijóo, a nova lei tamén establece un artigo sobre as aves de presa en catividade para as que será necesario obter unha autorización administrativa, á vez que deberán ser identificadas individualmente con microchip ou anela.
Como sinalou, esta lei foi comentada con distintos membros do Consello Xeral do Colexio de Veterinarios e, a partir de agora, someterase a información pública para as posibles alegacións que queiran facer os distintos colectivos.