Está dotada con 900 millóns de euros, 180 millóns anuais ata o ano 2020
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe a Axenda 20 para o emprego, o documento “que impulsará a calidade e a estabilidade do emprego en Galicia” e que está dotado con 900 millóns de euros, 180 millóns anuais ata 2020. A axenda contempla 20 medidas agrupadas en tres eixos prioritarios: a creación de emprego de calidade como elemento clave da competitividade, a formación e a capacitación como pancas do cambio do modelo produtivo e a reorientación dos servizos de atención ás persoas que demandan emprego para intentar casar as súas necesidades coas das empresas.
“Despois de anos de recesión, a economía galega está volvendo a despegar, aínda que é evidente que este crecemento ten que ser máis intenso e máis robusto”, indicou o presidente. Resaltou que esta incipiente recuperación é “froito dos esforzos das persoas e das empresas e dunha política económica responsable e coherente”. Para continuar na traxectoria ascendente que está a seguir a nosa economía, Feijóo invitou a “saber de onde vimos e cara a onde queremos ir”.
Neste senso, a Axenda 20 para o emprego marca as liñas mestras a seguir en materia laboral durante os próximos cinco anos, de acordo cos obxectivos marcados en materia laboral polo Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020: reducir a taxa de paro ata o 10%, crear 100.000 novos empregos e asinar 50.000 novos contratos indefinidos, entre outros.
Tres grandes retos
Tal e como explicou Feijóo, o primeiro reto da Axenda é que Galicia cree postos de traballo de calidade. Nesta liña incidirá o programa Aprol, que incentivará a contratación e fomentará o autoemprego nos colectivos que teñen máis dificultades para atopar un traballo, como as mulleres, os parados de longa duración, a mocidade e as persoas con discapacidade.
Outra das principais novidades desta documento será a activación de Lanzadeiras de Emprego para apoiar a busca de emprego e promover o emprendemento e o autoemprego a través da Administración Local, entidades sen ánimo de lucro e empresas privadas.
Para superar o segundo reto, mellorar a formación dos traballadores, o presidente avanzou catro grandes medidas: crear Unidades de Formación na Empresa para impulsar dentro do tecido empresarial a especialización e capacitación con compromiso de contratación, aprobar un programa de formación e emprego no rural atendendo ás súas necesidades específicas, profundar nun modelo de formación que responda ás necesidades do mercado, unha liña na que xa estamos a avanzar mediante a FP Dual ou lanzar o “cheque formación”, para que as persoas desempregadas teñan máis liberdade de elección á hora de escoller accións formativas concretas.
Por último, a Axenda busca reorientar os servizos de atención ás persoas que demandan emprego. “Neste senso, imos crear un novo portal do Servizo Público de Emprego de Galicia e implantar nel un sistema de xestión de calidade”, dixo Feijóo. Ademais, vaise en marcha o novo modelo de orientación aberta, que combine accións presenciais e online.