
Asegura que isto é un reflexo do que significa “Galicia calidade” e de que a comunidade “é unha potencia tamén en ciencia e I+D”
Galicia acada 45,6 M€ que permitirán poñer en marcha nove proxectos, dos que oito están liderados polo Goberno galego a través de catro consellerías
Subliña o compromiso do Goberno autonómico coa innovación ao ampliar as áreas temáticas dos proxectos seleccionados, un dos obxectivos do novo Plan de I+D+i
As iniciativas apoiadas céntranse en áreas como a atención médica personalizada, a creación do expediente dixital único do alumno, solucións innovadoras baseadas en hidróxeno verde ou a creación dun xemelgo dixital dos ríos, entre outras
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe o liderado de Galicia como a comunidade referente en Compra Pública de Innovación ao lograr captar “case o 50% dos fondos” repartidos en toda España a través da liña de Fomento de Innovación desde a Demanda (Liña FID). “Isto demostra que aquí apostamos pola innovación, demostra esa Galicia calidade e que somos tamén unha potencia en ciencia e en I+D”, indicou durante a Comisión Interdepartamental de I+D+i.
Rueda celebrou o financiamento obtido -45,6 millóns de euros- e subliñou o compromiso pioneiro da nosa Comunidade coa Compra Pública de Innovación, un mecanismo de contratación que permite dispoñer de ferramentas e servizos que non están dispoñibles no mercado, desenvolvendo para iso solucións tecnolóxicas innovadoras. Trátase dunha fórmula financiada con cargo a fondos europeos mediante FEDER plurirrexional e convocada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidade.
O marco elixido para expoñer os proxectos galegos seleccionados foi a Comisión Interdepartamental de I+D+i, da que forman parte 32 departamentos da Xunta e a través da que se coordinan as políticas autonómicas nesta materia. Rueda presidiu por primeira vez esta xuntanza, coa que se evidencia a aposta decidida da Xunta pola investigación e a innovación.
O presidente resaltou que grazas ao traballo coordinado da Xunta de Galicia acádase financiamento para oito proxectos de catro consellerías: Sanidade, de Medio Ambiente e Cambio Climático, de Economía e Industria e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. As iniciativas corresponden a distintos sectores de actividade, cumprindo así o obxectivo de ampliar a Compra Pública de Innovación a novos ámbitos, tal e como establece o novo Plan de investigación e innovación 2025-2027 aprobado a semana pasada.
Nesta liña, Rueda quiso salientar o gran traballo realizado polos técnicos dos diferentes departamentos que “co seu labor diario”, conseguiron “resultados espectaculares nun eido tan competitivo coma a ciencia”.
En concreto, os proxectos seleccionados céntranse en servizos públicos básicos como a atención médica personalizada, a creación do expediente dixital único do alumnado e a aplicación de intelixencia artificial para combater o abandono escolar, ata solucións innovadoras baseadas no hidróxeno verde, a dixitalización de datos xeolóxico-mineiros, as enerxías mariñas, novas técnicas de rehabilitación e materiais sostibles para as construcións tradicionais, a redución da pegada de carbono ou a creación dun xemelgo dixital dos ríos da cunca hidrográfica de Galicia-Costa.
Rueda garantiu o compromiso da Xunta co ecosistema innovador de Galicia para o desenvolvemento de iniciativas, e situou o Plan de I+D+i 2025-2027 como a folla de ruta para impulsar o traballo investigador galego e situar a Comunidade como un referente no ámbito científico.
Galicia executou no período 2007-2020 proxectos de Compra Pública de Innovación por importe de 252 millóns de euros e, no período 2021-2027, estanse a executar proxectos por 148 millóns de euros. É, polo tanto, un investimento total de 400 millóns de euros o que evidencia o compromiso galego coa mellora dos servizos públicos mediante a incorporación de técnicas innovadoras.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.