Os asistentes ao taller de pintura recrearán a Capela Sextina
O Concello de Riveira vai engadir este curso dous novos obradoiros para a terceira idade dentro do Programa de Dinamización Social dos Nosos Maiores e con tal motivo a concelleira Esther Patiño presentou hoxe estas iniciativas no consistorio local en compañía dos profesores que se encargarán de impartir as clases.
Trátase dun Obradoiro de Pintura e Arte, con Fernando Yáñez como docente, e dun Obradoiro de Inglés, que terá de mestra a Laura Carolina Oujo, integrante do Voluntariado Social.
O Obradoiro de Pintura e Arte é unha novidade na programación riveirense. Yáñez informou de que ao longo do curso vai intentar que os seus asistentes traten de recrear a Capela Sextina de Miguel Anxo, incluíndo un gran mural da súa escena central: a Creación de Adán. A idea é celebrar posteriormente unha exposición para que todo o mundo poida disfrutar destes traballos.
Está previsto que as clases dean comezo o vindeiro luns nas aulas formativas do Cristóbal Colón. Celebraranse ao longo de tres meses todos os luns e mércores, e horario de 10.30 a 12.30 horas.
Polo que se refire ao Obradoiro de Inglés, xa tivera lugar en dous ocasións e vai arrancar o vindeiro 14 de maio. Celebrarase todos os martes de 10 a 11.30 horas no Conservatorio nos próximos tres meses.
Laura Carolina Oujo manifestou que en base á experiencia de anos anteriores moitos alumnos foron quen de manter unha conversa no idioma anglosaxón e animou aos veciños a que se apunten.
Inscripcións
Está previsto que cada un destes talleres albergue arredor dunha vintena de participantes. Calquera veciño xubilado que estivera interesado en anotarse (cómpre lembrar que todas estas accións son gratuítas) pode facelo dirixíndose ao Departamento de Servizos Sociais ubicado na praza 8 de marzo (teléfono: 981 874 131).
Cómpre lembrar que o curso 2015-2016 tamén alberga outras propostas para a terceira idade: talleres de estimulación cognitiva, enriquecemento educativo e galego e clases de ximnasia, reunindo a case 600 persoas maiores entre todas as actividades.