Saturday 22 de February de 2025

Abegondo inicia as obras de construción dos accesos ao futuro centro de saúde


· O Concello destinou 110.000 euros á adquisición dos terreos, que propiciarán unha nova entrada directa desde a AC-542

· O alcalde xa contactou coa Xunta para a creación dunha glorieta que facilite a circulación

Coas obras de construción do futuro centro de saúde en plena execución por parte da Xunta de Galicia, o Concello de Abegondo dá un gran paso adiante para crear os seus novos accesos desde xa. O Concello iniciou os traballos para abrir unha nova vía que conectará a estrada principal, a AC-542, coa dependencia sanitaria.

Para iso, o Concello destinou 110.000 euros á adquisición das leiras necesarias, tras a negociación cos dous propietarios. O vial ábrese desde a zona da gasolineira e chegará á parte traseira, onde se sitúa o centro de saúde e outros equipamentos moi utilizados como o polideportivo, a piscina, o parque ou a aula lúdica.

O alcalde, José Antonio Santiso, xa contactou coa Consellería de Planificación de Infraestruturas para propoñer a construción dunha glorieta na intersección deste novo acceso coa estrada autonómica AC-542. Desta maneira, sinala o rexedor, “facilitarase a circulación e a seguridade viaria”, algo que será especialmente notable para incorporarse desde o carril que vén de San Tirso.

Coa obra, ademais de abrir a vía, o Concello está a renovar os servizos de abastecemento e de saneamento na zona, onde se atopan tamén varios inmobles.

Santiso apunta que a creación dos accesos está a realizarse con antelación “para garantir que xa exista non momento que conclúan as obras do edificio”. A previsión da Xunta pasa por poder abrir o novo centro ao longo deste ano.

Centro de saúde

A construción do novo centro de saúde de Abegondo avanza a bo ritmo co papel destacado da madeira na súa estrutura. A actuación leva a cabo por un montante total de 2.708.948 euros.

O centro concentrará na planta baixa os servizos de asistencia médica. Nun á situaranse as consultas xerais e pediatría e noutra a sala de mostras, enfermería etc. O piso de arriba destinarase aos profesionais, con despachos, sala de descanso ou biblioteca. No soto irán as instalacións.

A nova dependencia sitúase na parcela adquirida polo Concello xunto ao actual centro de saúde. A superficie total da construción será de 1.221 metros cadrados.

Deja un comentario