
O Clube Camper Galicia organiza unha quedada co municipio como lugar de pernoctación e actividades entre o venres 14 de febreiro e o domingo 16
Os e as excursionistas visitarán empresas e comerán en establecementos do municipio, ademais de celebrar unha ‘xornada de portas abertas’ para amosar á veciñanza os seus vehículos e gozar xuntos
Paderne será o lugar de encontro esta fin de semana para arredor de 80 ‘camperistas’. O Clube Camper Galicia organiza, en colaboración co Concello de Paderne, unha quedada que terá como centro neurálxico a Praza do Telleiro, onde está instalada unha carpa baixo a que se situarán os vehículos para que as usuarias e os usuarios das furgonetas camper pasen dúas noites.
A quedada arrincará o venres pola tarde, coa chegada das furgonetas e unha cea de San Valentín desenvolvida polos usuarios e usuarias. Tras pasar a primeira noite, ás 10:00 horas do sábado os e as ‘camperistas’ visitarán a Granxa Cagiao, especialista en queixos. A comida dese sábado será no Mesón a Gurita, situado a escasos metros do Telleiro.
Pola tarde, tras a comida, o Telleiro converterase nun espazo para desfrutar de xogos infantís e tradicionais antes da “cena de traxe”.
Xa o domingo, tras un almorzo no Telleiro, a partires das 12:00 a veciñanza de Paderne poderá achegarse a saudar aos e ás visitantes e observar as súas furgonetas e autocaravanas na xornada de portas abertas. Ademais, dentro dese espírito fraternal que envolve á quedada, haberá un concurso de pinchos antes da comida, coa que os e as ‘camperistas’ despedirán este encontro preto das 18:00 horas.
O alcalde de Paderne, Sergio Platas, quixo agradecer ao Clube Camper Galicia ter “apostado por Paderne como lugar de reunión” e destacou non só a “hospitalidade coa que os e as visitantes serán acollidos”, senón “a importancia que ten para un municipio pequeno e rural recibir este tipo de eventos e dar a coñecer os seus atractivos”.
Pola súa banda, os responsables da entidade organizadora quixeron dar as grazas ao equipo de goberno de Paderne “pola súa colaboración e comprensión das necesidades” para a organización desta actividade.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.