Saturday 22 de February de 2025

O Concello ofrecerá cursos para 108 nenos e nenas co fin de promover o consumo responsable e facilitar a conciliación


O programa das Escolas de Verán da OMIC está deseñado para crianzas de 4 a 10 anos e conta cun enfoque educativo en hábitos sostibles, ademais de lles servir de apoio ás familias no verán
A Coruña, 12 de febreiro de 2025.- O Concello da Coruña, a través da Oficina Municipal de Información ás Persoas Consumidoras (OMIC), vén de abrir a licitación para contratar o servizo da Escola de Verán 2025, unha iniciativa destinada a fomentar hábitos de consumo responsable entre as crianzas e apoiar a conciliación das familias coruñesas durante o período estival. O orzamento estimado para a contratación é de 90.814,17 euros.

Este servizo público, impulsado polo Goberno de Inés Rey, reafirma o compromiso coa educación en valores de consumo sustentable e a igualdade, ademais de proporcionar un espazo lúdico e educativo para as crianzas durante o mes de xullo.
A Escola de Verán desenvolverase en instalacións municipais e contará cunha oferta de 100 prazas, máis 8 adicionais reservadas para menores con diversidade funcional. Está dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos empadroados na Coruña e organizarase en dúas quendas quincenais (do 1 ao 15 de xullo e do 16 ao 31 de xullo). Os grupos estarán distribuídos por idades para garantir unha mellor adaptación ás actividades.

A programación incluirá obradoiros, actividades de estimulación, xogos dirixidos e saídas guiadas, todo cun enfoque educativo e de sensibilización sobre os dereitos das persoas consumidoras. O obxectivo principal é inculcar desde a infancia hábitos de consumo responsable e solidario e promover un espírito crítico e a aprendizaxe a través do xogo.

Estas actividades terán un enfoque educativo e permitiranlles ás crianzas coñeceren iniciativas locais relacionadas co consumo responsable. Para facilitar os desprazamentos, o servizo contará con autobuses que trasladarán os/as participantes desde as instalacións municipais ata os puntos de visita, co fin de garantir un transporte seguro e adecuado.

Ademais, a Escola de Verán contará cun equipo de monitores e monitoras especialialistas, que garantirán o benestar e a seguridade das e dos participantes. As prazas serán prioritarias para as familias con necesidades de conciliación e daráselles preferencia a aquelas nas que os dous proxenitores estean traballando ou a familias monoparentais con ocupación laboral activa.
“A Escola de Verán é un exemplo máis do noso compromiso co benestar das familias coruñesas. Queremos que as crianzas aprendan valores fundamentais mentres as súas familias contan cun apoio esencial durante o verán”, sinalou Diana Cabanas, concelleira de Turismo, Comercio e Hostalaría.

O Concello da Coruña anima a todas as familias interesadas a estaren atentas ás futuras convocatorias de inscrición, que serán debidamente anunciadas a través das canles oficiais. Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á OMIC da Coruña ou consultar a páxina web do Concello.

Deja un comentario