
O Concello constata o incremento do uso do contedor amarelo e a redución no volume de residuos “impropios” depositados
Volven mellorar as cifras de reciclaxe de envases durante o último ano en Neda. O Concello superou por primeira vez as 86 toneladas de residuos procedentes do contedor amarelo. En concreto, foron 4.660 kg máis que o pasado ano, o que representa unha suba do 5,7 %, froito do maior compromiso ambiental da veciñanza.
Segundo os datos facilitados por Ecoembes, en Neda recicláronse ao longo dos doce meses do pasado exercicio un total de 86.400 kg de envases (latas, bricks, bolsas de plástico…), fronte aos 81.740 do ano precedente.
Cada nedense reciclou no 2024 unha media de 17,6 kg de envases, fronte os 16,4 kg do 2023 e os 13 kg que se rexistraban hai só un sexenio. Esta evolución positiva é, segundo apuntan dende o Concello, o resultado da concienciación e maior implicación da poboación na reciclaxe. Con todo, quedan aspectos por traballar.
Así, apúntase á necesidade de optimizar nos fogares a selección en orixe dos residuos, especialmente no que atinxe ao colector amarelo. Esta medida resulta imprescindible para reducir a taxa de impropios (residuos que van parar ao colector equivocado) que foi do 23,2 % (o anterior ano chegou ao 25%). Dende o Concello inciden ademais na necesidade de reducir e reutilizar.
O balance recolle ademais o aumento sostido nos últimos anos do número de colectores amarelos repartidos pola localidade, que son xa 192, doce máis que o ano anterior e máis do dobre dos existentes hai un sexenio anos. Un reforzo que facilita aos residentes a obriga de reciclar.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.