Este sábado, 5 de marzo, terá lugar no Polígono da Costa Vella a XIV edición do Duatlon “Cidade de Santiago” que reunirá na cidade a preto de 250 atletas desta disciplina deportiva. Está organizado por Triatlón Arcade Inforhouse Santiago en colaboración co Concello.
Son un total de dúas probas que se celebrarán durante toda a xornada. Pola mañá unha de escolares e pola tarde outra para os absolutos e que leva o nome de “Cidade de Santiago”. Este ano e con motivo das obras de ampliación da AP-9, a proba trasládase ao polígono de Costa Vella, cun circuíto a pé moi rápido e un sector da bicicleta que se prevé rápido e altamente técnico.
A proba comezará pola mañá na categoría escolar, sendo a 17ª proba que se organiza para os máis pequenos, cun carácter clasificatorio provincial e no que participarán uns 200 escolares de colexios e clubs da provincia. Continuarase pola tarde coas categorías de grupos de idade masculina ás 15:30, a categoría elite masculina ás 17:00 e a categoría elite feminina ás 17:10 horas.
Circuítos
A modalidade sprint consta de 5 quilómetros de carreira a pé, 20 en bicicleta e 2,5 a pé. Aos primeiros clasificados masculino e feminino premiaráselles con 120 euros e unha bolsa de produtos NutriSport. Os segundos de ambas categorías levarán 75 euros e unha bolsa de produtos NutriSport e os terceiros a mesma bolsa e un premio en metálico de 50 euros.
Esta proba pertence ao Circuíto Galego de Duatlón, polo que se outorgan 18 prazas para a final do Campionato Galego.