
Os orixinais poderán presentarse entre o 23 de febreiro e o 3 de marzo
O Concello tamén fai un chamamento á participación na manifestación de Queremos Galego!
Febreiro é o mes de Rosalía. O día 23 é o aniversario do seu nacemento e co gallo desa data multiplícanse as actividades que lle renden tributo e que reivindican a nosa lingua e a nosa cultura. A Biblioteca Municipal de San Sadurniño terá durante todo este mes un espazo destacado con obras e información sobre a escritora e nai do Rexurdimento cultural do galego. Ademais, a biblioteca tamén organiza un concurso de ilustracións da obra rosaliana con dúas categorías, unha para nenas e nenos ata os 12 anos e outra para calquera persoa dos 13 anos en diante. Os orixinais poderán entregarse na Casa da Cultura ou enviarse ao correo bbliosansa@hotmail.com entre o 23 de febreiro e o 3 de marzo.
Do que se trata é de facer un debuxo á man para ilustrar a portada de calquera das súas obras -o listado de poética, novelística e artigos pode atoparse na biblioteca ou na web da fundación Rosalía de Castro, rosalia.gal-. O debuxo, orixinal e inédito, terá que facerse nun tamaño A4 e asinarse pola parte traseira, engadindo os datos de contacto da autora ou autor.
As ilustracións haberá que presentalas ao certame entre o 23 de frebreiro e o 3 de marzo, ambos incluídos. Os orixinais poderán entregarse na Casa da Cultura ou na Biblioteca Municipal, aínda que tamén se dá a opción de envialos ao correo bbliosansa@hotmail.com. Neste último caso será necesario escanealos a boa resolución e mandalos en formato jpg ou pdf.
O xurado, formado por persoas do mundo do deseño e as artes plásticas, fallará tres premios por categoría relacionados cos libros e a lectura, que se darán a coñecer o día 7 de marzo. A idea é expor despois todos os debuxos recibidos na Casa da Cultura. As bases do concurso poden descargarse desde esta ligazón.
Alén do concurso de ilustracións e da exposición de obras rosalianas, o departamento de Cultura tamén vai rodear a homenaxe á escritora de Iria Flavia con dúas actividades dirixidas ao público xuvenil e familiar que terán lugar na Casa da Cultura durante a xornada do venres 21 de febreiro, coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña: pola mañá o espectáculo “GAP (Galego para Adolescentes)” de Avelino González e pola tarde (18:00h) o concerto de Pakolas “Cores, contos en Rock’n’roll con Ramona Órbita”, na compaña da debuxante Laura Romero. A entrada é gratuíta pero fai falla reservar convites chamando ao 616 332 919 ou mandando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.
E o domingo 23 de febreiro, día propio do aniversario de Rosalía, a plataforma Queremos Galego! convocou unha manifestación en defensa do galego que percorrerá as rúas do centro histórico de Santiago a partir das 12:00h. O Concello de San Sadurniño aprobou en pleno a súa adhesión a esta plataforma integrada por máis de 150 de colectivos de toda Galicia, ademais de comprometerse a apoiar as accións que desenvolva. Por esta razón, desde o consistorio faise un chamamento á participación masiva nesta mobilización, convocada co lema “Lingua vital, xa!”.
Retómanse os clubs de lectura
A Biblioteca Municipal de San Sadurniño reiniciou hai uns días os clubes de lectura para a rapazada e para persoas adultas, interrompidos a finais do ano pasado. O club das nenas e nenos, aberto a idades entre os 6 e os 8 anos, aproximadamente, ten lugar na biblioteca os martes de 19:00 a 20:00h, mentres que o da mocidade e persoas maiores se reúne os xoves de 18:00 a 19:00h.
En ambos clubes, que están abertos á incorporación de novos membros, propóñense lecturas adaptadas aos intereses de cada grupo de idade, así como outras relacionadas con temas de actualidade ou con datas culturais sinaladas, como é o caso durante este mes das obras de Rosalía ou como vai ser durante todo o ano coas de Castelao co gallo do 75 aniversario do seu pasamento no exilio de Bos Aires.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.