Friday 21 de February de 2025

A zona ORA deixará de estar operativa os sábados na contorna do Hospital Clínico


A Xunta de Goberno acordou hoxe deixar sen efecto a aplicación da ORA na contorna do Hospital Clínico os sábados pola mañá, “atendendo tanto aos datos de ocupación como ás peticións das asociacións veciñais”. A Concellaría de Mobilidade avaliará os efectos desta medida nos vindeiros seis meses e, de ser o caso, a suspensión será definitiva.

A suspensión os sábados pola mañá entrará en vigor xa no próximo día 15, e afectaralle á avenida de Barcelona, as rúas Antonio Rama, Manuel Caeiro, Sempre en Galiza e Valentín Varela, e á avenida de Bilbao, que suman un total de 153 prazas de estacionamento.

A zona ORA quedou implantada neste ámbito da cidade en marzo de 2024, co obxectivo de facilitar a rotación e evitar os vehículos ventosa nas proximidades do Hospital Clínico, habida conta da escaseza de prazas de estacionamento agravada polas obras que se están a executar no complexo. O concelleiro de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro, explicou que “os datos avalan a idoneidade da medida, posto que a media de usos diarios das 153 prazas sitúase en 656 vehículos, de modo que existe unha rotación que non había antes da implantación da zona ORA”. Se se teñen en conta só os días laborables e se exceptúan os meses de xullo e agosto, nos que se reducen as consultas externas no Hospital Clínico, os datos de usos diarios das prazas da zona azul van desde os 750 ata os 950, con picos máximos de mil vehículos. Pola contra, nas mañás dos sábados a media de ocupación sitúase en só cen vehículos “un dato que demostra que no sábado non é tan precisa a rotación na contorna do CHUS”.

Baseándose nestes datos, e tendo en conta tamén as demandas as asociacións veciñais, o Goberno acordou hoxe deixar sen efectos a aplicación da zona ORA, e facer unha nova avaliación do funcionamento do sistema nun prazo de seis meses.

Outros asuntos

Nesta mesma sesión da Xunta de Goberno concedéuselle á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a licenza para a construción do edificio destinado a sede do IMELGA, na rúa Roma, cun orzamento de execución material de 5.104.725,35 €.

As actuacións consistirán na construción dun edificio de catro plantas (soto, baixo e dous plantas altas) cunha superficie construída total de 3.540,79 m2, ocupación de 1.380,45 m2 e altura máxima de 12,50 metros. A edificación está situada en solo clasificado como urbano no PXOM vixente e cualificado coa ordenanza de equipamentos do Plan Parcial de Fontiñas.

Así mesmo, aprobouse o expediente de contratación da redacción da proposta de actuación e execución da recualificación e recuperación ambiental da área verde no barrio de Cornes, dentro do proxecto “Entre Sar e Sarela”, cun orzamento base de licitación é de 220.078,41 euros. O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Deja un comentario