Friday 21 de February de 2025

Aprobado un investimento de 720.000 euros na reforma do Pazo da Cultura e o campo da festa de Artes


A Xunta de Goberno Local vén de aprobar un investimento de 720.514,86 euros en de dúas infraestruturas de uso social e cultural. Por unha banda foi adxudicada á empresa Gestal y López, por 149.523,33 euros, a obra de acondicionamento do campo da festa de Artes, e, por outra, iniciouse o expediente de contratación do proxecto de reforma do Pazo da Cultura, por 570.870,41 euros.

O obxectivo desta última actuación é solucionar as carencias que se veñen detectado ao longo dos máis de vinte anos de funcionamento do Pazo da Cultura, sobre todo en canto a funcionalidade, habitabilidade e accesibilidade. Deste xeito, o proxecto inclúe a mellora do illamento da cuberta metálica curva das últimas plantas, así coma da fachada suroeste; da accesibilidade vertical cun novo ascensor e a creación de máis paradas, e do funcionamento xeral do edificio en canto a accesos e control das diferentes zonas. Por último, inclúense a solución aos problemas de humidades existentes e a renovación das instalacións de electricidade e iluminación nos ámbitos de actuación.

Polo que respecta ao campo da festa de Artes, a actuación que executará a empresa Gestal y López, e que forma parte do POS+, permitirá crear unha gran praza de 2.250 meros cadrados que servirá como espazo de lecer para toda a veciñanza e poñer en valor a igrexa parroquial. O campo da festa contará cunha ampla zona pavimentada, con diferentes materiais para as zonas de uso rodado ou peonil, e na contorna da igrexa crearase un corredor de adoquín de granito silvestre. Tamén está previsto o acondicionamento de 700 metros cadrados de zonas verdes con celosía de formigón, a plantación de 10 novas árbores e a instalación de cinco bancos.

Entre outros asuntos, a Xunta de Goberno Local aprobou tamén a campaña de promoción Carballo levámolo dentro, que se materializará este venres 14 de febreiro; licenzas de obras, vaos e devolución de fianzas.

Deja un comentario