Friday 21 de February de 2025

Xa están en marcha as rutas literarias, unha das numerosas propostas para escolares impulsadas desde o Concello


Esta semana comezarán tamén os obradoiros de poesía e de microtoponimia de Carballo e continuarán os de Letras cantadas

O colexio Nétoma-Razo abriu o programa escolar de rutas polo Mapa literario de Carballo, unha das numerosas propostas para escolares impulsadas desde o Concello, e neste caso en concreto desde o Servizo de Normalización Lingüística. Hoxe saíron de paseo co historiador Hadrián García por distintos puntos da xeografía urbana que ou ben están vinculados a escritores e escritoras locais ou ben forman parte dos seus relatos. As rutas realizaranse continuarán mañá coa rapazada do CEIP Plurilingüe A Cristina e tamén participará o San Luís Romero.

Esta semana tamén comezarán os obradoiros de poesía dirixidos a nenos e nenas de segundo curso de primaria, que impartirán Antía Otero e Dores Tembrás, do proxecto literario Apiario. O día 13 estarán nos colexios Nétoma-Razo e Fogar, e continuarán o 19 no Bergantiños, o 20 na Cristina e de novo o Fogar e o 27 no San Luís Romero.

O día 13 tamén realizaremos a primeira ruta-obradoiro de microtoponimia guiada por Fernando Cabeza Quiles, coa participación do alumnado do IES Monte Neme. Os días 19 e 21 repetirán a iniciativa dous grupos do Parga Pondal.

E esta semana volven as charlas Letras cantadas, unha iniciativa arredor da celebración do Día das Letras Galegas dedicado ás cantareiras e ás coplas populares, coa que tratamos de fomentar un labor de recollida por parte do alumnado na súa contorna familiar e veciñal máis próxima, contribuíndo deste xeito á preservación desta parte tan importante do noso patrimonio inmaterial. Comezaron o día 3 no IES Parga Pondal e continaurán o 12 no CEIP Fogar, o 13 nos colexios Nétoma-Razo e A Cristina e o 19 no IES Alfredo Brañas.

Deja un comentario