Friday 22 de November de 2024

A Feira de Oportunidades de Ordes inaugurarase mañá na Praza de Abastos



Ata o vindeiro domingo poderase adquirir ao mellor prezo o último en téxtil, calzado, bixutería, marroquinería…. En total participarán quince establecementos da zona. Tamén haberá dous cursos de repostería

A II Feira de Oportunidades abrirá as súas portas dende mañá venres ata o vindeiro domingo, 6 de marzo. Unha cita na que quince establecementos da zona ofrecerán as últimas tendencias en téxtil, calzado, bixutería, marroquinería ou cerámica. Dress, Alfombra roja, Kukadas, Sombrero de copa, Sportec, Karma, Muxa, Ekaté, Capitán, Arco iris, Andrea mercería, Xan Ferreiro ou Juan Carlos Varela roupa infantil son os comercios que participarán nesta iniciativa que se desenvolverá no primeiro andar da Praza de Abastos de Ordes. O horario de atención ao público irá de 10 a 14 e dende as 16 ata as 21 horas.

Á par terán lugar varios cursos de repostería dirixidos a persoas adultas e que serán impartidos polos profesionais da panadería Milagros. O primeiro deles terá lugar mañá venres, 4 de marzo, de 18 a 20 horas e nel elaboraranse receitas para persoas celíacas e diabéticas. Xa de cara ao sábado, 5 de marzo, e á mesma hora, desenvolverase o de iniciación á repostería. En ambos os casos a actividade tamén terá lugar na aula de cociña instalada no primeiro andar da praza de abastos. As persoas interesadas están aínda a tempo de inscribirse no Departamento de Cultura e Deporte, situado no primeiro andar do Concello.