Saturday 22 de February de 2025

Neda abre o prazo para inscribirse no seu Cocido de entroido interxeracional


Esta xornada gastronómica terá lugar o próximo 9 de marzo

A gastronomía terá un papel protagonista na oferta de lecer que Neda prepara de cara ao entroido. O Concello organiza un ano máis o seu “Cocido de entroido interxeracional” para o que hoxe mesmo abre o prazo de inscrición.

A cita, que se desenvolverá no pavillón municipal Ale de Paz o domingo 9 de marzo, a partir das 14 horas, aspira a reunir a varios centos de veciños e visitantes ao redor da mesa para degustar algúns dos produtos máis típicos destas festas. Será unha cita para vivir en familia, na que ademais non faltará a música en directo.

O menú da xornada inclúe sopa e un saboroso cocido, con grelos, patacas, lacón, costela, touciño, orella, chourizo e tenreira. Complétase con refrescos, viño e auga. Ademais, como sucedera en edicións anteriores, ao rematar o xantar, sortearanse entre os asistentes diferentes cestas con produtos típicos destas datas.

As persoas que queiran asistir deben retirar os seus tíckets na oficina de Servizos Sociais do Concello antes do 4 de marzo. O prezo para os residentes en Neda é de 22 euros (10 euros se son menores de catorce anos e gratis se non cumpriron seis anos). No caso de persoas doutras localidades, o prezo único será de 25 euros.

Deja un comentario