
O Concello de Ribeira informa que, debido ao mal estado das árbores situadas a carón do campo da Tasca de Aguiño, estase a proceder á súa tala para garantir a seguridade da veciñanza así como das persoas que empregan o paseo e o campo de fútbol.
Estas árbores foron transplantadas no seu momento como parte das obras de renovación da rúa Castelao. Porén, o proceso de transplante non foi o axeitado xa que a moitas cortáronlles as raíces, impedindo a súa correcta adaptación e provocando a morte de todas elas, preto dunhas 25 árbores dun tamaño considerable. Esta situación non só supuxo un impacto ambiental e paisaxístico, senón que agora obriga a destinar recursos públicos para resolver un problema que se podería ter evitado cunha mellor planificación e execución das obras. O seu estado actual, totalmente seco, supón un risco de caída que podería afectar a persoas e para a rapazada que usa o campo.
Dende o Concello informan de que a Brigada Municipal de Xardís está a realizar os traballos de retirada das árbores afectadas. Unha vez completada esta tarefa, o Concello procederá á plantación de novas especies, concretamente chopos brancos, co obxectivo de recuperar a vexetación da zona e manter o seu valor paisaxístico. O actual goberno municipal reafirma o seu compromiso co coidado e conservación do patrimonio natural, ademais en todas as novas actuacións que se fan inclúese a plantación de novas árbores co obxectivo de reverdecer o municipio.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.