Saturday 22 de February de 2025

O pop-rock galego de Momboi chega este sábado á Fábrica


O sábado 15 de febreiro ás 20:30 horas o Centro Cultural A Fábrica acollerá concerto Momboi (pop), unha banda de pop-rock galego que fusiona este estilo coa música de raíz latinoamericana. As entradas teñen un prezo de 4 euros e pódense adquirir a través da web www.giglon.com e desde unha hora antes na billeteira do auditorio.

Momboi naceu en 2018 coa gravación do seu debut discográfico Ofrenda (Bungalow Studios), un primeiro EP de cinco cancións. En 2020, a banda foi finalista do XII Certame Fran Pérez “Narf” para grupos e artistas musicais organizado pola Deputación da Coruña.

Vacacións en Ornanda é o último traballo discográfico. Nel, a banda colle a tenrura por bandeira e transita pola beleza dos lugares comúns ao compás de medios tempos e pasaxes melódicas. “As letras e a música deste disco buscan conectar co medio natural e co noso lado máis humano”. A esencia do disco plásmase nos directos de Momboi que, xunto coa súa estética lograda, enchen o escenario de luz e beleza, convertendo calquera dos seus directos nun lugar para gozar da boa música.

Integrantes: Brais Sánchez (voz, guitarra, letrista)
Daniel García “Carba” (baixo e voces)
André Garabato (teclado e sintetizadores)
Beny Mayo (batería)

Deja un comentario