Saturday 22 de February de 2025

Presentación da obra literaria de Pepe Carballude no teatro As Torres de Santa Cruz


O xoves 13 de febreiro ás 19:00 horas, Pepe Carballude presentará a súa obra En terra allea no teatro As Torres de Santa Cruz. Intervirán no acto o propio autor e a profesora de xeografía e historia, Mª Concepción Castro Higelmo.

En terra allea aborda o tema da migración e os dramas colaterais: explotación laboral, dificultades coa vivenda, problemas de convivencia, enganos, abusos… mais tamén aparece xente boa que tenta poñerse na delicada situación do outro. As relacións humanas, as friccións e os consensos, a imposición e a tolerancia, as penas e os momentos felices, pesan moito no decorrer da trama, onde, ao final; triunfa o amor.

Un retrato real, traumático, dun feito que se pode ver acotío e unha chamada á solidariedade e á colaboración de todos.

Pepe Carballude é escritor, tradutor é licenciado en Filoloxía Clásica. Exerceu de profesor de latín no Instituto Neira Vilas. Aparte da súa traxectoria profesional na que destacan traducións de poetas latinos ou a obra A vida diaria dos romanos, ten un longo percorrido na literatura galega, con títulos como: O xílgaro pintor, Os gazafellos (Premio Barco de Vapor 1986), Mimos e máis mimos, Investigación 091, Andainas de Pedro Chosco, SOS, ¡Maldito DNI!, Paisaxe con fondo gris, Romaxe de desventuras, A fraga misteriosa, O deus desaparecido (Premio Barco de Vapor 1990), O talismán dos druídas, Miña avoa ten 13 anos, Xograres dun tempo novo, Andrea quere ser maior, De como o Santo dos Croques se fai peregrino (Premio Barco de Vapor 2002) e Marxinados, entre outros.

Desde as bibliotecas municipais invítase a todas as persoas que desexen asistir, ata completar o aforo.

Deja un comentario