
Este ano superamos os 60 asistentes entre os talleres realizados nas parroquias de Lema e Rus e no lugar da Brea
Máis de 300 persoas teñen participado nos cursos básicos de poda e enxerto promovidos pola Concellaría de Medio Ambiente coa colaboración do centro especial de emprego de economía social Dixardín, que acadaron este ano a súa cuarta edición. Este sábado celebrouse na parroquia de Lema o terceiro e último curso do 2025 coa asistencia de 28 persoas, a media xusta dos once que levamos organizado desde o ano 2022.
Unha das características desta actividade é o seu carácter itinerante. Así, este ano celebráronse tres cursos nas parroquias de Lema e Rus e no lugar da Brea (Carballo), pero ao longo destes catro anos xa se levaron a cabo tamén en Verdillo, Alta de Rus, Artes, San Miguel de Vilela, Sísamo, Entrecruces, Noicela e Cances.
O obxectivo é seguir programando este tipo de accións, que nun futuro non moi lonxano agardamos poder concentrar na Horta Seixo Branco, na que, coincidindo co Día Forestal Mundial do 2024, puxemos en marcha un proxecto de recuperación de variedades autóctonas de árbores froiteiras, tanto buscando a preservación de especies locais para a súa difusión e posta en valor para o cultivo particular e profesional coma para dotar o noso concello dunha aula interactiva na que poidan desenvolverse actividades medioambientais dirixidas a toda a poboación, entre elas os cursos de poda e enxerto.
A Horta Seixo Branco conta xa con máis de 200 árbores froiteiras, pero haberá que agardar aínda uns anos para poder convertela nun centro didáctico que nos permita seguir fomentando unha xestión axeitada dos recursos naturais. Para ir traballando xa nese sentido, a todas as persoas que participan nos cursos de poda fáiselles entrega dun exemplar de maceira para que ese proceso de recuperación das variedades autóctonas chegue tamén ás fincas particulares.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.