Friday 21 de February de 2025

A Xunta recoñece ao Concello de Ribeira o seu compromiso co medio ambiente e a loita contra o cambio climático


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o Concello de Ribeira para recoñecer o destacado labor da administración local en materia de preservación do patrimonio natural e a loita contra o cambio climático. O acto central da visita foi o izamento da Bandeira Verde de Galicia na praia de Coroso, un distintivo que distingue aos concellos máis comprometidos coa sustentabilidade e o coidado da contorna. No acto tamén estivo o alcalde, o segundo tenente de alcalde e a directora de Patrimonio Natural.

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, asegura que “este é un recoñecemento ao esforzo colectivo da veciñanza e do compromiso do Concello por construír un futuro máis sostible. Continuaremos traballando en iniciativas que melloren a calidade de vida das persoas e protexan o noso patrimonio natural para as xeracións futuras.”

Segundo informou Barral, o Concello de Ribeira foi distinguido por unha serie de actuacións emprendidas nos últimos meses en diferentes ámbitos ambientais. No eido enerxético, destacouse a instalación de paneis solares en edificios municipais como o Auditorio Municipal, o complexo deportivo da Fieiteira, o Mercado Municipal e a Unidade de Condutas Aditivas, o que contribúe á redución do consumo enerxético e das emisións de CO2.

En materia ambiental, pola erradicación da herba da pampa en San Roque, unha especie invasora que ameaza a biodiversidade. Ademais, no ámbito da xestión de residuos, puxéronse en marcha a recollida separativa de biorresiduos e un programa de compostaxe doméstica, promovendo unha economía circular e a redución dos residuos sólidos urbanos.

No que respecta á protección do patrimonio natural, o Concello tamén foi recoñecido pola creación dunha senda en Coroso, que permite á cidadanía gozar da paisaxe respectando o entorno natural.
O alcalde cre que “a bandeira verde premia o traballo ben feito e serve como motivación para seguir avanzando cara a un modelo de desenvolvemento máis sostible. Ribeira é un exemplo de como as políticas locais poden ter un impacto positivo e directo na conservación do medio ambiente e no benestar da súa cidadanía.”

Este conxunto de iniciativas supuxeron un investimento próximo aos 500.000 euros, demostrando o compromiso firme do Concello coa sustentabilidade e a protección do seu patrimonio natural.
O distintivo Bandeira Verde de Galicia busca visibilizar e premiar ás vilas e pobos que destacan pola súa xestión ambiental, paisaxística e patrimonial, fortalecendo a súa imaxe tanto ante a cidadanía como diante de potenciais visitantes. Con este recoñecemento, Ribeira consolídase como un referente en boas prácticas ambientais e en accións de loita contra o cambio climático.

Deja un comentario