Friday 21 de February de 2025

A Xunta participa nun proxecto europeo de mitigación dos gases de efecto invernadoiro no vacún de leite


― O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), adscrito á Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, acolleu días atrás a presentación dos resultados preliminares desta iniciativa

― Medio Rural é a entidade encargada da coordinación do sub-proxecto español, a través do CIAM, e nel participan nove industrias lácteas, o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) e a entidade financeira Caixa Rural Galega

― O proxecto realizou a caracterización do sistema de produción e o cálculo das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) en 100 granxas de vacún de leite en toda España

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), adscrito á Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, acolleu días atrás a presentación dos resultados preliminares dun proxecto europeo orientado a acadar medidas de mitigación dos gases de efecto invernadoiro nas explotacións de vacún de leite.

Trátase da iniciativa Climate Neutral Farms: Building a low-carbon, climate resilient future: Research and innovation in support of the European Green Deal (Granxas climaticamente neutras: construíndo un futuro con baixas emisións de carbono e resiliente ao cambio climático: investigación e innovación en apoio do Pacto Verde Europeo).

Este proxecto foi aprobado polo Programa Horizon da Comisión Europea cun orzamento de 13,9 millóns de euros. Comezou en xaneiro de 2022 e remata nesta anualidade de 2025. Conta coa participación de 33 institucións pertencentes a 17 Estados da Unión Europea, realizando a coordinación xeral o Instituto Nacional de Investigación en Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente de Francia (Inrae).

Coordinación do sub-proxecto español
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, pertencente á Consellería do Medio Rural, é a entidade encargada da coordinación do sub-proxecto español, a través do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. As empresas españolas participantes no proxecto son as industrias lácteas Danone, Nestlé, Naturleite, Entrepinares, Agronovo, Alltech, Leite Río, Central Leiteira Asturiana e Leite Pascual, así como o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) e a entidade financeira Caixa Rural Galega.

O proxecto realizou a caracterización do sistema de produción e o cálculo das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) en 100 granxas de vacún de leite en toda España. Seguiuse unha metodoloxía común para detectar puntos críticos e propor medidas de mellora. En dez explotacións, denominadas Lighthouse Farms, realizáronse medidas máis detalladas, relativas a emisións de metano entérico e nivel de carbono nos solos. O obxectivo final do proxecto está orientado a conseguir a neutralidade climática das explotacións leiteiras europeas, en liña coa folla de ruta da UE no horizonte 2050.

Programa da xornada no CIAM
Na xornada divulgativa celebrada no CIAM déronse a coñecer os avances obtidos no proxecto e presentáronse aos gandeiros galegos e ás industrias lácteas os resultados preliminares das medidas implementadas en relación coa mitigación de emisións de GEI. A apertura do seminario correu a cargo do director da Área de Formación, Innovación e Investigación Agraria da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Manuel López Luaces, e o director do CIAM, Abelardo Nimo.

A continuación, Francisco Ónega, en representación do servicio de apoio da Asociación Europea para la Innovación en Agricultura (EIP-Agri), presentou a visión das políticas europeas de innovación agraria e como estas foron incorporando medidas para apoiar a transición verde da agricultura.

Despois, o doutor en Enxeñería agronómica César Resch representou ao grupo de investigación en produción de leite do CIAM, para explicar os resultados de ClienFarms e avanzar as propostas de mitigación de GEI máis efectivas en granxa.

Por último, Pablo Modernel explicou como a cooperativa Friesland Campina apoia aos seus membros cara a neutralidade climática. Modernel é xestor de programas de natureza agrícola en FrieslandCampina e responsable dunha carteira de proxectos destinados a aumentar a biodiversidade nas explotacións leiteiras dos Países Baixos.

Deja un comentario