
O SAD atende no municipio actualmente a 75 persoas.
O Concello de Miño sacou a concurso o contrato para a prestación do Servizo de Axuda a Domicilio (SAD), cun orzamento basee de 1.015.000 euros e unha duración inicial dun ano, prorrogable por dous anos adicionais.
O obxectivo deste contrato é garantir a atención integral ás persoas en situación de dependencia e aquelas que requiran asistencia nos seus domicilios, facilitando o seu desenvolvemento persoal e permitindo a súa permanencia na súa contorna habitual. Este servizo municipal de carácter público busca mellorar a calidade de vida dos usuarios, fomentar a súa autonomía e reforzar a inclusión social.
Actualmente, o número de persoas usuarias deste servizo é de 75 persoas, unha cifra que se mantén estable desde o 2019, cando roldaban os 70.
O SAD de Miño incluirá atencións de carácter persoal, doméstico e psicosocial, tales como asistencia para o aseo persoal, control da alimentación, apoio na mobilidade, limpeza do fogar, acompañamento e actividades para mellorar a integración social dos beneficiarios. Ademais, poderanse incorporar servizos complementarios como podoloxía, fisioterapia e teleasistencia.
A empresa adxudicataria deberá cumprir cos estándares de calidade e normativa vixente, asegurando unha adecuada planificación e seguimento de cada usuario. Así mesmo, esixirase a dispoñibilidade dun equipo profesional cualificado e con formación específica en atención sociosanitaria.
O Concello de Miño reafirma o seu compromiso co benestar dos seus cidadáns, impulsando un servizo esencial para a poboación máis vulnerable do municipio. Con esta licitación, búscase garantir unha atención de calidade e adaptada ás necesidades de cada usuario.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.