
A alcaldesa presidiu o acto de benvida do Campionato de España de Seleccións Autonómicas sub-14 e sub-16 de fútbol
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta tarde o acto de benvida das persoas participantes do Campionato de España de Seleccións Autonómicas sub-14 e sub-16, que se está a celebrar desde hoxe e ata o domingo na Cidade Deportiva da Torre – Arsenio Iglesias, así como en outros espazos deportivas da área de influencia da Coruña. A rexedora estivo acompañada no acto polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, o presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán, o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto. Tamén asistiu o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, así como representantes dos concellos cuxas instalacións acollen este torneo.
“A Coruña conta cunhas infraestruturas deportivas de primeiro nivel e está de sobra preparada para acoller este e calquera torneo deportivo, sexa cal sexa a súa complexidade ou nivel”, sinalou a alcaldesa, Inés Rey, no acto celebrado no estadio municipal de Riazor ante a presenza dos xogadores participantes. No campionato participan, nas distintas categorías e niveis, as seleccións autonómicas de Andalucía, Cataluña, Comunidade de Madrid, Comunidade Valenciana, País Vasco, Castela e León, Navarra, Aragón, Estremadura, Illas Baleares, Illas Canarias, Castela A Mancha, Melilla, Rexión de Murcia, A Rioxa, Ceuta, Asturias, Galicia e Cantabria.
Inés Rey lembrou que o Concello está xa a traballar no Plan Director de Instalacións Deportivas, co obxectivo de mellorar a rede de infraestruturas municipais da man das entidades e clubs que as utilizan. Tamén quixo destacar que “xa está en marcha o noso proxecto deportivo máis ambicioso: o Mundial 2030”, que requerirá a mellora integral do estadio municipal de Riazor e unha profunda transformación urbana.
O campionato reúne a máis de 1.000 persoas entre xogadores, técnicos, árbitros e voluntarios. Segundo as estimacións da RFEF, máis de 3.000 persoas visitan estes días A Coruña con motivo deste campionato, contando a familiares e representantes de clubs de todo o país. Desde hoxe e ata o domingo disputaranse as tres xornadas da fase de clasificación deste torneo, nas categorías Ouro e Prata. O principal escenario será a Cidade Deportiva da Torre – Arsenio Iglesias, mais tamén se disputarán partidos en campos de fútbol de concellos da área de influencia coruñesa, como Arteixo, A Laracha, Culleredo ou Miño. Accederán á fase final os primeiros clasificados de cada grupo e categoría.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.