
A empresa concesionaria, Coregal, tamén emitiu o informe cos datos da recollida de residuos sólidos urbanos durante o ano pasado.
Coregal, a empresa que xestiona no termo municipal da Laracha as instalacións do punto limpo e a recollida e transporte dos residuos sólidos urbanos, vén de trasladar ao Concello o informe da actividade do ano 2024.
Como dato máis significativo, por primeira vez alcanzouse a cifra de 200 toneladas (t) de residuos recollidas nas instalacións do punto limpo e xestionadas para o seu posterior tratamento en centros especializados. A maior parte dese material foi restos de madeira (71,5 t), metais (29 t), electrodomésticos (26 t), residuos voluminosos (21 t), entullos limpos (21 t), televisións e monitores (12 t) e plásticos (6 t). En menor cantidade tamén foron recollidos aceites domésticos, baterías, envases, pilas, aerosois, fluorescentes, pneumáticos, vidro, pinturas, ferro e aceiro.
O punto limpo da Laracha, situado xunto á ponte do Formigueiro, é un servizo gratuíto que está a disposición da cidadanía os luns (15:00 a 20:00 h), mércores, venres (16:00 a 20:00 h) e sábados (9:00 a 14:00 h). As instalacións están a ser obxecto do proxecto de ampliación, actualmente xa na fase final, que permitirá en próximas datas incrementar os servizos que ofrece para unha mellor e máis cómoda e eficiente xestión dos residuos.
Tamén é gratuíto o servizo de recollida domiciliaria de voluminosos, que debe solicitarse chamando ao teléfono 900701120.
Residuos sólidos urbanos
En canto aos residuos sólidos urbanos, os datos de 2024 indican que os laracheses depositaron 3.830 toneladas no contedor da fracción resto, cun incremento do 2 % con respecto ao ano anterior.
Pola súa parte, o aumento interanual da recollida nos colectores amarelos de envases lixeiros é do 13 %, superando en 2024 as 176 toneladas, datos que son o resultado da maior cobertura de contedores desas características en todo o termo municipal a través das iniciativas desenvolvidas polo Concello e o bo uso dos mesmos por parte da cidadanía.
Sen embargo, rexistrouse un descenso do 10 % nos residuos orgánicos depositados na quinta fracción de cor marrón implantada nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión e na urbanización Monte Claro de Cabovilaño, cun total de 111 toneladas recollidas. O Concello fai un chamamento para incrementar esta cantidade, lembrando que na Casa Consistorial pode solicitarse de balde a chave para abrir os contedores marróns nos que depositar os residuos orgánicos, que posteriormente será convertido en compost na planta de Sogama.
Ademais, recolléronse 120 t de envases de vidro dos iglús verdes e 115 t de papel e cartón nos contedores azuis, ao que se engaden outras 39 t de cartón do servizo de recollida porta a porta que se presta ás empresas. Nos contedores laranxas para aceites de cociña superáronse as 3 toneladas.
O Concello agradece á veciñanza o esforzo na separación dos residuos e o seu depósito no contedor adecuado por tratarse dunha cuestión esencial para facilitar o posterior tratamento e reciclado e, por tanto, respectar o entorno e o medio ambiente.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.