Friday 21 de February de 2025

Volve Apego con cultura en galego para menores de 6 anos


Un conxunto de 15 actividades de aquí a maio forman parte da nova programación de APEGO, o programa de achegamento lingüístico para crianzas impulsado polo Concello. Será o sábado 15 de febreiro ás 18.00 horas cando comecen os espectáculos con A nena e o grilo camiño das cores, para nenas e nenos maiores de 3 anos, no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera.

As persoas con fillas ou fillos menores de 6 anos que queiran formar parte do Apego poden inscribirse enviando un correo a lingua@oleiros.org, polo que terán preferencia á hora da asignación de praza nestes espectáculos, que hai que reservar a través da web municipal.

Outras citas deste programa serán o 21 de febreiro con contacontos e obradoiros de olería; o 8 de marzo haberá de novo contacontos con Os contos de Violeta nas Torres de Santa Cruz; o 15 dese mesmo mes na Fábrica represéntase Babas descobre as estacións.

Os días 21 e 28 de marzo e 4 de abril terán lugar obradoiros de olería, o 29 unha representación de Nanai da China na Fábrica e o 5 de abril A libraría máxica, tamén na Fábrica. Xa en maio as persoas máis pequenas poderán ir á Festa da Lingua, o día 10 —con teatro, xogos populares e concerto— e o 24 rematará o programa cunha ruta a ver A Marola desde Dexo.

Deja un comentario