Friday 21 de February de 2025

Santiago será a sede do 21º Congreso Ibérico da Bicicleta e a Cidade no próximo mes de xuño


Santiago será a sede, do 26 ao 29 de xuño, do 21º Congreso Ibérico da Bicicleta e a Cidade, organizado por ConBici e a Federación Portuguesa de Cicloturismo e Usuarios da Bicicleta, FPCUB. Anunciouse hoxe nunha rolda de prensa na que participaron o concelleiro de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro; a directora xeral de Mobilidade da Xunta, Judith Fontenla; o delegado do reitor da USC para o Deporte, Javier Rico; o presidente de Composcleta, Faustino Gómez; e Belén Calahorro, integrante da Oficina Técnica de ConBici e responsable da coordinación do evento. Tras a rolda, as persoas organizadoras saudaron a alcaldesa, Goretti Sanmartín.

O Congreso Ibérico “A Bicicleta e a Cidade” ten como obxectivo mostrar o potencial transformador da bicicleta no desenvolvemento urbano e na construción de cidades máis amables e máis sostibles. O concelleiro de Mobilidade explicou que “é unha honra que este Congreso se celebre en Santiago, pero para nós tamén é unha oportunidade de avanzar na nosa aposta clara pola mobilidade ciclista e de darlle visibilidade grazas á presenza en Compostela de centos de activistas”. Xan Duro tamén se mostrou convencido de que as ponencias que se prevén “permitirannos tirar importantes aprendizaxes en materias que van desde a promoción da cultura ciclista ata cuestións lexislativas, que complementarán as que xa fomos adquiriendo en procesos recentes como a elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible ou a aprobación da nova Ordenanza de Circulación que eliminou algunhas restricións para o uso da bicicleta”.

A bicicleta como elemento transformador

O 21º Congreso Ibérico “A Bicicleta e a Cidade” celebraráse do 26 ao 29 de xuño no Auditorio e na Facultade de Filoloxía. Tal e como explicou Belén Calahorro, “abordaranse as temáticas nas que está traballando ConBici, relacionadas coa mobilidade urbana, a lexislación, o fomento da cultura ciclista, as rutas sostibles, ou as estratexias para visibilizar o impacto positivo da bicicleta”. A responsable da organización do evento explicou que o obxectivo é tamén “coñecer as experiencias de cidades de diferente tamaño, en particular a de Santiago que foi pioneira na peonalización da cidade histórica”. Ademais, apuntou que as ponencias, que correrán a cargo de expertos da administración, as universidades, as empresas e as asociacións, “estarán complementadas con outras actividades de rúa, que pretenden darlle visibilidade á mobilidade ciclista”.

Belén Calahorro aproveitou para lembrar que ainda está aberto o prazo para o envío de comunicacións, “aberto a todas as persoas, organizacións ou colectivos que queiran compartir iniciativas, proxectos ou investigacións que promovan a mobilidade sostible”.

Implicación das diferentes administracións

A representante de ConBici mostrou a súa satisfacción por traer a Santiago a 21º edición deste Congreso que celebrou a súa primeira edición en 1996 na Coruña, e agradeceu a implicación das diferentes administracións. Nese sentido, a directora xeral de Mobilidade, Judith Fontenla, reiterou o seu compromiso co fomento do ciclismo urbano e cun modelo de mobilidade máis amable. Pola súa banda, o delegado do reitor para o deporte, Javier Rico, puxo en valor o programa ÉBici da USC, no que colabora o Concello, “e que logrou facilitar o desprazamento da poboación estudantil cun programa piloto que agora queremos reforzar”.

Por último, na rolda de prensa participou o presidente de Composcleta, Faustino Gómez, que se monstruo convencido de que “Santiago é o lugar ideal para acoller este congreso, porque é unha cidade na que se ten avanzado na aposta por fomentar a mobilidade a pé e en bicicleta, e esta será unha oportunidade para darlle un novo pulo transformador á cidade”.

Deja un comentario