Friday 21 de February de 2025

Cada mes recollemos máis de 1.000 quilos de aceite nos contedores específicos distribuídos polo concello


Os 14.398 quilos de aceite recollidos no ano 2023 evitaron a contaminación de 15,8 millóns de litros de auga e a emisión de 43,19 toneladas de CO2

Dende a entrada en servizo do actual sistema de recollida de aceite de cociña usado, en agosto do 2018, a media mensual supera os 1.000 quilos. O ano pasado, segundo os datos que vén de facilitar o xestor autorizado que presta o servizo, a veciñanza do noso concello depositou nos colectores específicos un total de 14.398 quilos de aceite (1.838 máis que no 2023), o que permitiu evitar a contaminación de 15.800.000 litros de auga. Ademais, unha vez transformado en biocarburante, o residuo recollido xerou un aforro de emisións de CO2 de 43,19 toneladas.

Nestes momentos hai 36 puntos de recollida en distintos barrios urbanos e en varias parroquias. Os contedores máis utilizados para o depósito de aceite son os situados nas inmediacións dos supermercados e do mercado municipal, pero cada vez teñen máis uso tamén os situados na parroquias.
En xeral, o depósito de aceite foran diminuíndo dende que comezaron a subir os prezos, no ano 2021. De feito, no ano 2023 recolléranse no noso concello 1.810 quilos menos que no ano 2022, pero no 2024 rachouse con esa tendencia e volveuse incrementar o uso dos colectores específicos.

Unha das vantaxes do sistema de recollida é que os colectores están situados na vía pública, o que permite que poidan ser utilizados os 365 días do ano e as 24 horas do día. A recollida nos novos colectores vai dirixida aos fogares, xa que para grandes produtores hai un servizo específico. As familias deben depositar o aceite de cociña usado en botellas de plástico reutilizadas e pechadas. Para facilitar o depósito nas botellas, desde o Concello de Carballo ofrecemos á veciñanza funís adaptables que poden solicitarse, de balde e ata fin de existencias, na casa do concello (departamento de Medio Ambiente).

Deja un comentario