
A alcaldesa, Inés Rey, fixo fincapé na importancia desta medida, que se suma á aprobación da ordenanza das VUT, a proposta de declaración da cidade como Zona Residencial Tensionada, o pulo á EMVSA, e as axudas á rehabilitación
O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, precisou que está previsto ceder sete parcelas municipais, repartidas entre Xuxán, Os Rosales, o Ensanche e o lugar de Pedro Fernández
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe de que o Concello mobilizará solo de titularidade municipal para promover a creación de máis de 300 novas vivendas públicas na cidade, unha iniciativa coa que o Goberno local busca reforzar o abano de medidas nas que xa se está a traballar para facer fronte á suba dos custos da vivenda e ás dificultades actuais para atopar alugueiros a custos accesibles.
A previsión do Goberno de Inés Rey é ceder dúas terceiras partes dos soares edificables que son propiedade do Concello para facilitar a ampliación do parque residencial público na Coruña, aproveitando superficies dispoñibles en Xuxán, Os Rosales, o Ensanche e o lugar de Pedro Fernández, preto da Pasaxe. A Xunta de Goberno Local, convocada hoxe en sesión extraordinaria, deulle luz verde a esta proposta, que se executará a través de dúas vías.
A primeira, tal e como precisou o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación de Vivenda, Francisco Díaz Gallego, parte da aprobación dos pregos dun concurso público para sacar a cesión tres parcelas municipais no barrio de Xuxán (tanto de vivenda protexida como libre) e destinalas a cooperativas e promotoras.
“Con esta medida, o que facemos é mobilizar solo municipal, no que a adxudicataria do concurso constrúe o edificio, aluga as vivendas a un prezo fixado polo Concello e, nun prazo de 50 anos, recibimos o edificio. Consideramos que é unha iniciativa moi positiva, porque a propiedade do solo segue a ser nosa, aumentamos a oferta de vivenda de alugueiro na cidade a prezos razoables e, para todos os efectos, será vivenda municipal porque se reverterá ao Concello”, explicou Díaz Gallego.
A bolsa conxunta destas tres parcelas en Xuxán suporía a creación dunhas 180 vivendas, que se sumarían ás outras 50 que xa está a construír o Concello na parcela Z-37 do barrio. A execución das obras arrincou este mércores, cun investimento de máis de dez millóns de euros.
Proposta de cesión de catro parcelas municipais ao IGVS
Díaz Gallego explicou hoxe que a esta medida se sumará unha segunda, coa mobilización doutras catro parcelas municipais que o Concello ten previsto cederlle ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) co obxectivo de fomentar a construción de máis vivenda protexida en réxime de alugueiro na cidade.
Un dos soares está na rúa Rey Abdullah, preto da praza da Porticada; outros dous no lugar de Pedro Fernández; e un cuarto está situada entre as rúas Simón Bolívar e Emilio González López, no barrio dos Rosales.
“É fundamental traballar a escala interadministrativa. Entendemos que abordar a cuestión do acceso á vivenda, un problema que está a afectar a moitas cidades do país, é algo que non entende de cores políticas. Nós, como Concello, imos utilizar todas as ferramentas que temos á nosa man para reverter esta situación. Seguiremos avanzando na implantación de medidas de contención fronte á suba nos custos do acceso a vivenda, porque entendemos que debemos dar resposta ás necesidades das coruñesas e coruñeses. Por iso lles tendemos a man a todas as administracións públicas, neste caso á Xunta, para colaborar institucionalmente, e facilitámoslle ao IGVS unha terceira parte do solo municipal dispoñible para desenvolvementos residenciais e contribuír á creación de máis vivenda protexida na Coruña”, razoou o concelleiro.
Atendendo aos informes municipais, na Porticada estímase que sería posible construír 15 vivendas; entre 35 e 40 no lugar de Pedro Fernández; e case 70 no barrio dos Rosales. “En total, 120 vivendas protexidas en réxime de alugueiro, que se sumarían ás outras 180 das tres superficies que sairán a concurso en Xuxán”, contabilizou Díaz Gallego.
O Plan municipal de vivenda 2024-2030, con sete medidas en curso
Na rolda de prensa desta mañá, a alcaldesa expuxo que a cesión de solo municipal “é unha peza clave dun puzzle moito máis amplo de mecanismos e medidas que estamos a poñer en marcha desde o Concello para facer fronte á suba dos prezos da vivenda”.
Inés Rey lembrou que, este mesmo xoves, o pleno aprobou, en fase inicial, a nova ordenanza reguladora das vivendas de uso turístico (VUT), que pasa xa ao trámite de información pública. “Ademais, a semana pasada fixemos públicos os resultados dos informes técnicos encargados polo Concello que certifican que, efectivamente, a cidade cumpre cos requisitos para a declaración de Zona de Mercado Residencial Tensionado. No vindeiro mes de marzo —tras o prazo de consulta pública e un novo encontro coa Mesa Sectorial de Vivenda—, remitirémoslle á Xunta o informe detallado por distritos e seccións censuais e solicitaremos que se adopte esta medida que, entendemos, contribuirá tamén a conter os prezos e garantir o acceso da cidadanía á vivenda”.
A rexedora apuntou que tamén se está a facilitar o desenvolvemento residencial privado en polígonos que levaban anos parados ou paralizados, e que, atendendo ao establecido polo Plan xeral, permitirán crear máis vivenda protexida: case un milleiro en Visma e 200 en Someso, entre outras.
“Ademais, estamos a traballar na conversión da EMVSA nunha auténtica empresa municipal de vivenda, capaz de asumir e xestionar os máis de 400 inmobles que forman parte do patrimonio residencial do Concello, destinados a alugueiro social. E seguimos a acelerar a rehabilitación de inmobles e soares abandonados na cidade co Plan municipal de recuperación de ruínas, que xa está a ter un impacto directo en barrios como a Pescaría e a Cidade Vella, mobilizando tres edificios que saíron a poxa pública. A isto temos previsto sumarlle as axudas municipais á rehabilitación de vivendas que xa se recollen no proxecto de orzamentos municipais para este ano, con máis de 3 millóns de euros”, recalcou.