
O grupo de persoas que participa no programa Oleiros na Memoria dedicado a recoller topónimos esquecidos, xa leva documentados e recuperados 86 nomes de lugares con toda a información complementaria. É o resultado da investigación realizada entre as persoas que manteñen viva a memoria colectiva a través desta actividade do Concello que une o lecer e a convivencia coa cultura popular e os nomes das contornas e as paisaxes do noso territorio. Todos os nomes recollidos inclúense na aplicación da Real Academia Galega “A Galicia nomeada”.
A toponimia forma parte dos elementos culturais que a Unesco denomina patrimonio inmaterial dos pobos. O carácter permanente dos topónimos equipáraos a monumentos históricos que se manteñen en pé a través dos séculos e que funcionan como referentes compartidos da comunidade, como sinais da identidade colectiva.
Esta actividade é especialmente importante nestes tempos de globalización e desleixo da realidade máis próxima debido ao uso das redes. Unha época na que debemos prestar atención especial á vida de proximidade para que elementos tan ricos da nosa cultura como os nomes que habitamos non se perdan no remuíño da información.
Un exemplo do traballo destas persoas que achegan a súa memoria é o chamado “Rabuñeiro do río da Loba”, que nace na fonte do Pazo de Miraflores. Baixa polo Rabuñeiro, cara á fonte do río da Loba, e do río de “Nosa Señora”, e de alí vai cara á represa do Cerco. A dona da represa e do muíño era Ramona do Cuco. Despois vai cara a Santa Cruz, e desemboca na praia fronte ao castelo cruzando o parque Luis Seoane, nas antigas brañas. A fonte do pazo foi construída no ano 1901 e a outra fonte en 1954. No río da Loba lavábase a roupa e a xente servíase da auga para a casa, ao non ter pozo.