Saturday 22 de February de 2025

O Concello Lousame investirá 321.000 € do POS+2025 en melloras de camiños e accesos a núcleos e destinará 227.000 € a gasto corrente


O Pleno aprobou por unanimidade as propostas da Alcaldía

O pleno municipal de Lousame aprobou por unanimidade a proposta da Alcaldía para o Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal, Plan Único de Concellos “POS+ 2025”, que ascende a 548.473.71 euros. Deste modo, o Concello de Lousame destinará 321.209,77 euros a catro proxectos de obras no municipio, aos que hai que engadir outros 103.280,63 do Plan Complementario, así como 227.263,94 euros a gastos correntes.

Así, o Concello de Lousame destinará 263.607,82 euros da Achega Provincial 2025 ao financiamento de tres proxectos de mellora dos accesos a núcleos de poboación:
– Pavimentación interior en Chave (54.740,02 euros).
– Mellora da pista de acceso a Capelo dende a AC-308 (69.448,70 euros).
– Pavimentación do núcleo de Cairo (139.419.10 euros).

Por outra banda, o Concello de Lousame investirá 57.601,95 euros da Achega Provincial 2024 á mellora do viario de Agriño á DP-1104. Así mesmo, destinaranse os 103.280,63 euros do Plan Complementario do 2025 a tres proxectos de obras:
– Mellora de viario en Ces (31.677,88 euros).
– Mellora do acceso a Pascual (36.824,63 euros).
– Mellora da pista de Marracín de Arriba a Sanguiñal (34.778,12 euros).

Por outra banda, Lousame destinará 227.263,94 euros ao financiamento de gastos correntes: 150.000 euros para sufragar o coste do alumeado público e os restantes 77.263,94 euros á mellora dos accesos a núcleos de poboación.

Debate

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “seguiremos traballando con outros programas, como o Fondo de Compensación Ambiental ou o PEIM para tratar de incluír outras obras que quedaron fóra deste POS”, lamentando que coa suba de prezos na construción “non podemos aglomerar sequera, ou só teríamos cartos para facer unha obra”.

O debate da proposta xirou sobre o campo de fútbol Cabanetán. O novo voceiro do PSOE, Juan José Prego Ces, lamentou que o cambio do céspede no campo de Cabanetán non fora incluída no listado de obras do POS+2025. Unha petición que foi criticada polo voceiro do BNG, Anxo Moledo Carreño, quen lembrou que nunha Xunta de Voceiros os tres grupos municipais acordaron non incluír o campo de fútbol de Cabanetán no POS+2025 porque “non habería cartos para facer máis obras no Concello. Non se pode agora vir aquí e opinar distinto”.

Un punto no que coincidiu a alcaldesa de Lousame, lembrando que “se eu dedico máis de 200.000 euros ao campo de Cabanetán habería que dicirlle aos veciños e veciñas de Lousame que non se van facer as obras que se van acometer”. Teresa Villaverde insistiu en que “levo todo o ano traballando para conseguir o arranxo do campo de Cabanetán, encargando proxectos, levándoos tanto á Deputación como á Consellería para ver que poden financiar e do resto encargarémonos nós”.

Neste sentido, Villaverde Pais lembroulle ao voceiro do PSOE que mantivo unha reunión co deputado provincial responsable de Deportes, “que é do seu partido e nos deu largas. Tentei pedilo como unha nominativa pero non quixeron, nada de nada. Pero seguiremos traballando”. Un punto no que o voceiro do BNG propúxolle aos socialistas que “se o PSOE leva unha nominativa para o campo de Cabanetán na Deputación, o BNG vaino apoiar”.

POS+Adicional 3/2025

Finalmente, o Pleno aprobou tamén por unanimidade o POS Adicional 3/2025 para redución da débeda pola utilización do préstamo provincial nos Plans de 2015 a 2023 por un importe de 98.234,10 euros. Un punto no que o voceiro do BNG corrixiu ao do PSOE, que nunha sesión anterior dixera que tan só 3 concellos da provincia non se adheriran a estes préstamos, cando realmente foron 17, e lamentou que agora estes municipios reciban uns cartos adicionais en compensación por non teren solicitado no seu día os préstamos, mentres que os concellos que os solicitaron non os recibirán.

A alcaldesa de Lousame volveu defender a solicitude no seu día destes préstamos xa que “cos prezos que hai hoxe non poderíamos facer nin a metade do que fixemos e, ademais, son actuacións que levan anos desfrutando os cidadáns e que fixemos a interese cero”. De feito, explicou que se o Concello pode adherirse a outros préstamos sen intereses nos próximos anos, farao pois “o tempo dounos totalmente a razón”.