
A cita abrirá as celebracións do entroido na vila o 28 de febreiro
Comezan os preparativos do Entroido 2025 en Neda. O Concello vén de publicar as bases que regulan a participación no tradicional festival de comparsas, que terá lugar o venres 28 de febreiro, marcando o inicio das celebracións en Ferrolterra. O prazo para anotarse comeza hoxe mesmo.
O certame, no que deberán interpretar un máximo de dúas cancións en galego, tendo que versar un dos temas sobre Neda ou sobre persoeiros da vila, desenvolverase no pavillón municipal Ale de Paz. Será tras o tradicional desfile que, a partir das 20 horas, percorrerá as rúas do núcleo urbano, con saída dende a Avenida de Castelao.
Nesta ocasión, poderán tomar parte no festival un máximo de nove comparsas (mínimo de 15 persoas con disfraces temáticos uniformes) e un grupo (mínimo 8 persoas), que se determinarán “segundo a orde de presentación de solicitudes no rexistro”. Non obstante, o Cultura establece a preferencia das formadas por veciñas e veciños de Neda e inscritas como tal.
Co obxectivo de incentivar a participación, cada unha das comparsas contará cunha axuda directa de 250 euros e ao grupo con 150 euros, á marxe dos premios, que serán diplomas para os conxuntos que, a teor do xurado, destaquen polo enxeño á hora de criticar a realidade local ou comarcal, pola orixinalidade e vestimenta e, como non, pola animación na rúa.
As solicitudes para participar poderán formalizarse “de xeito presencial en horario de 9 a 14.30 horas (de luns a venres) ou a través da sede electrónica ata ás 23:59 do día 14 de febreiro”. As bases da convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia deste venres, e a documentación a presentar está dispoñible na web municipal.