Friday 21 de February de 2025

O Concello de Carballo presenta ao movemento asociativo os proxectos integrados cos que optaremos aos fondos Feder


Edificio para entidades sociais, auditorio, zona verde no Rego da Balsa, reforma da Praza do Concello e contorna e redes wifi son as principais actuacións previstas

O Ministerio de Facenda publicou no BOE do 30 de decembro de 2024 a convocatoria de axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) destinadas a entidades locais para o período 2021-2027 co obxectivo de promover o seu desenvolvemento sustentable desde unha tripla perspectiva: ambiental, económica e social. Carballo optará a estas axudas con cinco proxectos integrados que inclúen 17 actuacións.
Este mércores celebráronse no Fórum Carballo tres xuntanzas sectoriais para dar a coñecer as propostas. Na primeira participaron os grupos da corporación; na segunda, as entidades sociais, e na terceira, o movemento asociativo en xeral. Técnicos municipais e da consultora encargada da elaboración dos proxectos, xunto co concelleiro de Fondos Europeos e Axenda Urbana, Iván Andrade, e o alcalde, Evencio Ferrero, presentaron as actuacións e explicaron que súa na elección influíron diferentes factores que se corresponden cos criterios establecidos na propia convocatoria, é dicir, que os proxectos sexan transformadores, integrados e integradores; que sexan realistas e maduros, é dicir, que sexa posible materializalos no prazo previsto (decembro do 2029) e que sexan participados e divulgados, como se está a facer.
Partindo dos criterios establecidos na convocatoria, o Concello de Carballo abordará unha serie de actuacións que perseguen os seguintes obxectivos:
1. Dinamización social, mediante a creación dun novo edificio para as entidades sociais e a mellora da contorna para a súa vinculación dos espazos e servizos próximos. En concreto, a proposta recolle a iniciativa municipal de construción dun edificio no solar das antigas casas dos mestres, así coma unha praza, e a reurbanización da rúa Darwin para favorecer os desprazamentos peonís das persoas usuarias.
O deseño do edificio realizarase mediante un concurso de ideas, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectura de Galicia (COAG), e coa participación directa das entidades sociais implicadas.
2. Consolidación como motor cultural, grazas á creación dun novo auditorio e espazo cultural que permita dar resposta ás crecentes necesidades derivadas do posicionamento de Carballo como referente cultural.
O proxecto complementarase coa incorporación de pantallas informativas nas rúas para a difusión dos servizos culturais do concello.
3. Renaturalización da zona urbana e creación e eixes verdes na contorna do Rego da Balsa. A proposta inclúe a creación dunha nova zona verde, a renaturalización do espacio de aparcamento do Centro Comercial Bergantiños, a conexión dese novo espazo co Rego da Balsa e a creación dun carril bici, e a reurbanización das rúas Ánxel Fole e Enrique Sánchez para conectar as zonas verdes co centro.
4. Desenvolvemento económico e comercial, coa posta en valor da feira e do mercado municipal como motores económicos do noso concello. Con esa finalidade prevese a reurbanización da Praza do Concello e a dignificación do espazo destinado ás feiras, a reforma da primeira planta do mercado municipal para a dinamización do edificio, a creación dun catálogo dixital dos postos da feira e do mercado para facilitar a difusión dos servizos que ofrecen e a reurbanización das rúas Cervantes, Gran Vía, Túnel e Cesteiros para completar a humanización na contorna da praza.
5. Mellora dos servizos e das infraestruturas públicas mediante a rehabilitación enerxética da casa do concello, o despregue de redes wifi gratuítas nos centros sociais e a creación dun servizo de xestión dixital dos espazos municipais que permita a súa reserva online por parte da veciñanza.
Os concellos de 20.000 a 75.000 habitantes, como é o caso de Carballo poden presentar proxectos por un mínimo de cinco millóns e un máximo de quince millóns de euros. O noso concello solicitará a cantidade máxima. Carballo pode optar a estas axudas, coas que poderá financiar ata o 60% do investimento total, por ter elaborada xa a Axenda Urbana, que recolle o noso compromiso cun concello máis sostible, inclusivo e resiliente, aliñándonos cos obxectivos da Axenda Urbana Española e Europea.