
Unha das catro foodtrucks da campaña “Galicia sabe amar” chegou esta mañá á escola unitaria de Sergude, onde a delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, compartiron uns petiscos coa rapazada. Unha degustación na que tamén participou o concelleiro de Turismo, José Luís Mareque, así como os profesores e profesoras dos pequenos.
Unha iniciativa da Consellería do Mar pretende mostrar a versatilidade dos produtos acuícolas e poñer en valor o traballo das xentes do mar que traballan na extracción, produción, comercialización e transformación das distintas especies para a súa posta a disposición dos consumidores; en definitiva, da cadea mar-industria. Unha mensaxe que o persoal da foodtruck adaptou á idade dos nenos e nenas, ensinándolles o que era un “choco” ou como funciona unha nasa.
Os pequenos e pequenas gustaron moito dos distintos petiscos presentados, sobre todo dun con mexillóns e outro de croqueta de choco, se ben non poucos reclamaban o polbo á feira que había serigrafiado no lateral do foodtruck. Do Campo, Rodeiro e Mareque tamén aproveitaron para repartir pulseiras da campaña entre a rapazada, ao tempo que lles insistiron na necesidade de consumir produtos dos nosos mares e rías.