Saturday 16 de November de 2024

52 persoas participan este ano nos obradoiros de memoria de San Sadurniño


Esta mesma semana arrancou o programa de encontros polas parroquias pensado para que as persoas maiores manteñan activa a súa mente. Son varios os obxectivos destes obradoiros, pero entre eles destacan dous: mellorar as habilidades cognitivas para que se conserven áxiles durante moito tempo e detectar mediante os xogos e exercicios que se poñen en práctica calquera síntoma de deterioramento. Os obradoiros de memoria activa desenvolveranse cunha periodicidade quincenal ata o mes de xuño nas parroquias de Ferreira, San Sadurniño, Santa Mariña, Lamas e Naraío.

Este é o sétimo ano da actividade e nela inscribíronse 52 persoas. A maior parte delas son mulleres de entre 60 e 80 anos, aínda que nesta ocasión tamén se apuntaron cinco homes. Os obradoiros son algo semellante a unhas clases particulares nas que o tempo pasa voando entre exercicios de coordinación psicomotriz e retos moi sinxelos onde o importante é fixarse e darlle voltas á cabeza para atopar a solución.

Búscase, en definitiva, manter en forma a actividade mental e cognitiva, habida conta de que o cerebro é un órgano vivo que se pode e se debe exercitar. De feito, cando empezamos a esquecer as cousas hai técnicas para forzalo a que traballe un pouco máis reorganizando todo o que garda para que sexa máis doado acceder a el. Exercicios de escrita á man -un diario ou unha libreta de contos e recordos-, tarxetas con figuras, crebacabezas, os sudokus… todo vale.

Incluso algo tan simple como falar e interactuar con outras persoas é fundamental. Por iso os obradoiros de memoria se conciben como un punto de encontro e convivencia que favorece a mellora do estado de ánimo, a comunicación, a autonomía e a realización das persoas maiores. Este último aspecto, o da realización persoal, incentívase buscando actividades paralelas máis aló dos propios obradoiros. E é que nos últimos anos as persoas participantes integráronse en proxectos da Aula CeMIT a través Fálame de San Sadurniño e da experiencia fotográfica Miradas Novas, ofrecida en 2014 polo fotoxornalista Gabriel Tizón. En 2015 a colaboración das mulleres e homes dos obradoiros de memoria estendeuse ao colexio público. Alí participaron en varias sesións do proxecto Sansa Enreda, dirixido a que a rapazada descubra os xogos e xoguetes tradicionais.

Para esta edición o departamento de Igualdade tamén ofrecerá actividades complementarias que se definirán nos próximos días, tan pronto como os grupos estean asentados. Segundo sinala a técnica do servizo, Verónica Rodríguez, “houbo incorporacións de xente que non participara en anteriores edicións e por iso temos que ver entre todas e todos que podemos facer e que nos gustaría facer”.

Os obradoiros de memoria activa desenvólvense cada quince días ata o mes de xuño durante hora e media nos locais sociais de Ferreira, Santa Mariña, Lamas e Naraío, así como na Casa da Cultura de San Sadurniño.