
A Axencia de Doazón de Organos e Sangue (ADOS) vén de actualizar a programación de saídas dos buses de doazón de sangue para esta semana, ampliando a dous días a presenza da súa unidade móbil diante da Casa da Cultura de Neda. Así, a veciñanza poderá achegarse a doar, sen ter que saír do municipio este venres, de 15.30 a 21 horas, segundo o inicialmente previsto, e tamén o sábado pola mañá, entre as 10 e as 15 h.
Poden ser doantes as persoas maiores de 18 anos que pesen máis de 50 kg, e teñan boa saúde. Para doar cómpre acudir ben con tarxeta de doazón, DNI ou documento similar de identificación. Ante calquera dúbida, ADOS pon a disposición da cidadanía o número gratuíto 900 100 828.
O Concello anima á cidadanía a participar para garantir reservas suficientes dos distintos grupos sanguíneos nos hospitais. Apunta ademais que de cada doazón poden chegar a beneficiarse tres persoas diferentes, xa que os distintos compoñentes do sangue (plasma, plaquetas e glóbulos vermellos) adoitan utilizarse por separado.