Friday 21 de February de 2025

Boqueixón mellora o seu saneamento coa inauguración da nova EDAR de Sergude, que triplica a capacidade de depuración das augas de Sergude e de Lestedo


A conselleira de Medio Ambiente e o alcalde inauguraron unhas instalacions que supuxeron un investimento de 1,8 millóns de euros e que permiten dar servizo a 3.000 habitantes equivalentes

Rodeiro destaca que “temos 1.478 enganches ao saneamento, unha porcentaxe altísima, e grazas aos últimos investimentos imos conseguir que o saneamento chegue ao 100% dos núcleos”

A Xunta de Galicia completou as obras da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Sergude (Boqueixón), tras un investimento de máis de 1,8 millóns de euros. As novas instalacións triplican a capacidade de tratamento da anterior depuradora emprazada en Lestedo (a primeira construída no municipio no ano 1991) ao chegar aos 3.000 habitantes equivalentes co ano 2042 como horizonte.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, visitaron esta mañá as instalacións, froito dun convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Boqueixón no que o Goberno galego se comprometeu a asumir arredor do 80% do investimento. Pola súa banda, o Concello achegou máis de 360.000 euros, puxo a disposición os terreos necesarios e asumirá nos próximos días o mantemento das instalacións.

A responsable autonómica destacou que a nova EDAR, que será entregada nos vindeiros días ao Concello, permite mellorar a rede de saneamento e unificar o tratamento das augas residuais nos núcleos de Sergude e de Lestedo. Ángeles Vázquez felicitou ao alcalde de Boqueixón por “traballar para que un pequeno municipio como Boqueixón se converta nun concello con grandes servizos e de calidade de vida para os que aquí viven pero tamén para convidar que outros poidan vir”.

Saneamento no 100% dos núcleos

Pola súa banda, Ovidio Rodeiro lembrou que “no ano 1991 fíxose en Lestedo a primeira depuradora, pequena depuradora que vai ser substituída por esta. E ese ano o Concello de Boqueixón puxo en marcha o servizo de saneamento. A día de hoxe contamos con 92 quilómetros de tubaxes, 14 pequenas depuradoras, 13 bombeos cun investimento de 8.000 euros por cada casa. Neste momento temos 1.478 enganches ao saneamento, unha porcentaxe altísima de poboación”.

Ademais de destacar que esta nova EDAR “vén mellorar o servizo que lle prestamos aos veciños e veciñas de Sergude e Lestedo”, Rodeiro Tato indicou que “grazas aos últimos investimentos realizados, imos conseguir chegar ao 100% de saneamento aos núcleos”.

Vantaxes da nova depuradora

A nova estación depuradora inclúe liña de auga e liña de lodos, con pretratamento e tratamento biolóxico, cunha capacidade media de 44 metros cúbicos de auga á hora, o que permitirá optimizar e o tratamento de augas residuais nas parroquias de Lestedo e de Sergude. En caso de choivas intensas que superen o caudal punta, o exceso de augas enviarase a un tanque de tormentas.

Trátase dunhas instalacións modernas e eficientes, deseñadas co obxectivo de acadar mínimo vertido e con tratamento secundario para a eliminación do nitróxeno. Esta infraestrutura, que contou con cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. Supuxo un investimento de 1,8 millóns de euros. A nova EDAR permitirá unificar o tratamento das augas das parroquias de Sergude e de Lestedo, así como triplicar a capacidade da depuradora actual, dando servizo a unha poboación de 3.000 habitantes equivalentes no ano horizonte de 2042.

A anterior depuradora era un reactor secuencial que realizaba no mesmo tanque a decantación e o tratamento biolóxico, polo que a súa capacidade estaba condicionada polo tempo que se precisa para realizar cada un dos procesos. Ademais, construída no ano 1991, foi deseñada cunha capacidade de 1.000 habitantes equivalentes, polo que na actualidade é totalmente insuficiente para tratar a totalidade das augas residuais procedentes dos núcleos da parroquia de Lestedo.