
Neda acolle a vindeira semana a presentación literaria da novela El viento que golpea las tinieblas (Tolva, 1935-1953). A obra leva a sinatura de Antonio Polo, autor gaditano, afincado dende hai anos na localidade, e integrante do club de lectura municipal, e tamén a de Lluis Colomes, doutor en Medicina, e auténtico apaixonado da historia.
Polo González, veciño da Coveluda, será o encargado de presentar na biblioteca municipal, o xoves 13 de febreiro, a partir das 18.30 horas, unha obra que funde realidade e ficción, e aborda un de tantos episodios escuros acontecidos na época da Guerra Civil.
Así, ao longo das súas 216 páxinas, a novela trata de esclarecer o asasinato sen resolver dos tres irmáns que vivían nunha explotación agraria de Vilanova, na Ribagorza Oriental (Huesca), sen teren relación coa veciñanza. Trátase dunha “crónica ficcionada”, que revive “un conflito non só de ideoloxías senón tamén de miseria humana que aproveitou o caos da época”.
O bibliotecario municipal de Neda e tamén escritor, Juan Lada, acompañará nesta estrea a Antonio Polo, coordinador del Club de Lectura Ariadna da Universidade Sénior do Campus de Ferrol, e fundador da revista cultural online do mesmo nome. O autor, que ten participado en proxectos colectivos de poesía e de relatos e publicado libros como La vida en Hermenauta, A los cuatro vientos, Huevos revueltos ou Volutas de humo, presentaba hai só un ano en Neda o poemario Con La vida en las calles/A vida nas rúas, co que se iniciou na escrita en galego.