
Carme López presentará o sábado ás 19.30 o seu primeiro disco ‘Vinde todas’, con acceso libre
O cómico venezolano Nanutria actuará o domingo ás 18.30 e as últimas entradas están á venda
O auditorio do Centro Sociocultural Ágora vivirá unha fin de semana intenso con dous espectáculos o sábado e o domingo. Trátase da actuación musical de Carmela, que presentará o seu primeiro disco, ‘Vinde todas’, e do espectáculo humorístico de Nanutria. “O Goberno de Inés Rey busca encher de actividades de calidade os seus recintos municipais co obxectivo de que a cidadanía de todos os barrios poida gozar de propostas artísticas variadas”, apunta Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Carme López, que provén da orquestra SonDeSeu, está a presentar o seu primeiro disco, ‘Vinde todas’, que reflicte a tradición máis pura de Galicia poñendo as mulleres informantes nun primeiro plano e como motor principal da tradición oral, reivindicando a relevancia histórica e actual nun ámbito en que, adoito, foron marxinadas. Cada unha das cancións leva o nome da ou das mulleres de referencia no proceso de aprendizaxe das melodías, ademais de iniciar e pechar o disco cadansúa gravación de campo, as que reflicten o propio proceso de investigación etnomusicolóxica.
Carmela achega as sonoridades tradicionais á música máis contemporánea, xunto coas súas compañeiras, Sara Méndez (saxo) e Camile Hedouin (sintetizadores), con arranxos sinxelos que permiten que a voz e a percusión vaian da man e sexan as protagonistas principais do espectáculo. Este concerto, organizado pola Asociación Veciñal Agra e promovido polo Concello, forma parte do programa ‘Agra no Ágora’. A actuación comezará ás 19.30 horas e a entrada é gratuíta ata completar capacidade.
Por outra banda, o cómico venezolano Nanutria chega este domingo á Coruña con ‘El Showcito’. O espectáculo comezará ás 18.30 horas no auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Esta data está enmarcada dentro dunha xira por España que levará o artista a diferentes cidades. As últimas entradas están á venda a través de Ataquilla, no despacho de billetes da praza de Ourense e o propio día da función no Ágora.
‘O showcito’ é unha proposta creativa por parte de Nanutria que está sempre en continuo desenvolvemento. O espectáculo mestura bloques de stand-up con improvisación. Os temas que trata son diversa índole, como a adultez, a democracia, a vida en parella, a inmigración e as formas de afrontar a vellez. Un show fresco onde o cómico dá todo o necesario para dar o mellor papel posible.