Saturday 22 de February de 2025

Aberto o prazo para pedir cita para pasar a ITV de vehículos agrícolas en Neda


O Concello de Neda informa de que a unidade móbil de inspección técnica de vehículos agrícolas visitará o municipio o próximo mes de marzo. Será o día 21, e ofrecerá servizo, en horario de mañá e de tarde, na contorna da pista polideportiva de Anca.

Os veciños/as de Neda que teñan en propiedade tractores e outro tipo de maquinaria agrícola, de obras e servizos poderán pasar a ITV sen facer longos desprazamentos nin saír da localidade. Desta volta, o servizo estará operativo de 9 a 13:30 horas e máis de 15:15 a 18 h.

Informan dende Supervisión y Control (SYC Applus+), concesionaria do servizo, que as persoas interesadas en realizar no municipio a revisión dos seus vehículos agrícolas ou de obra xa poden solicitar cita previa chamando ao teléfono 981928080 ou na web www.sycitv.com.