Saturday 22 de February de 2025

O Concello aproba a ordenanza das VUT para regular o sector e aumentar a oferta de vivendas en alugueiro


O concelleiro Francisco Díaz Gallego subliñou a necesidade da entrada en vigor desta normativa, que permite ao Goberno de Inés Rey avanzar na implantación de medidas de contención fronte á suba nos custos do acceso a vivenda

O pleno aprobou inicialmente a nova ordenanza reguladora das vivendas de uso turístico (VUT), unha medida impulsada polo Goberno de Inés Rey nun contexto no que os custos de vivenda están en máximos históricos.

O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, subliñou a necesidade de que esta normativa entre en vigor atendendo a como as VUT “repercuten na cidade en aspectos como o acceso a vivenda, reducindo o parque de alugueiro, incrementando tamén os seus custos”, ademais das dificultades de compatibilizar as VUT cos usos residenciais, tanto polos conflictos que poden xurdir entre as persoas de paso e a veciñanza como á hora de costear os servizos públicos que presta a cidade.
Díaz Gallego fixo fincapé na importancia de “frear o proceso de xentrificación do parque de vivendas residencial”, e recalcou que o Goberno de Inés Rey está facendo uso de todas as ferramentas que están na súa man para aliviar as dificultades da cidadanía en materia de acceso a vivenda. “A ordenanza VUT non é a solución única, mais é unha peza do puzzle que é preciso activar”, expuxo o concelleiro, que lembrou tamén a certificación de que A Coruña, atendendo aos informes técnicos encargados polo Concello, cumpre cos requisitos para a declaración de Zona de Mercado Residencial Tensionado.
Neste sentido, Díaz Gallego destacou que, tal e como se informou a semana pasada, o vindeiro mes de marzo —tras o prazo de consulta pública e un novo encontro coa Mesa Sectorial de Vivenda—, o Goberno municipal remitiralle á Xunta o informe detallado por distritos e seccións censuais e solicitará que sexa adoptada esta medida para conter os prezos e garantir o acceso da cidadanía á vivenda.

A ordenanza, aprobada inicialmente cos votos a favor do Goberno municipal, do BNG e a abstención do PP, pasará agora ao trámite de exposición pública antes de volver ao pleno para a súa aprobación definitiva.

O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda amosou hoxe o seu agradecemento ás asociacións e colectivos “que aportaron as súas achegas e ideas para dar forma á ordenanza” a través dunha mesa sectorial que, nos últimos meses, permitiu concretar o texto normativo. “Esta mesa de traballo foi exposta como caso de éxito pola FEMP”, destacou Díaz Gallego, que apuntou que a liña a seguir na que incidirá o Goberno de Inés Rey “será o compromiso coa creación de nova vivenda pública e protexida, a regulación e as axudas”.

As VUT non poderán estar situadas sobre unha vivenda de uso residencial

Entre as liñas de acción que recolle a nova ordenanza está o feito de que as VUT non poderán estar situadas nunha planta inmediata superior a unha vivenda de uso residencial.
Si se permitirá o seu emprazamento en plantas primeiras ou baixas, atendendo, iso si, ás especificidades do Plan xeral en ámbitos como o PEPRI, e tamén se permitirá implantar as VUT en edificios destinados a este tipo de usos en exclusiva.

Díaz Gallego lembrou hoxe que, tal e como se recalcou estes días, “o Concello concederá un prazo de tres meses desde a entrada en vigor da ordenanza para que as persoas titulares de inmobles VUT poñan en orde ou obteñan a súa habilitación administrativa. No caso de que non cumpran coa normativa municipal marcada no texto desta ordenanza VUT, terán que dalos de baixa no Rexistro da Xunta”.

A Axenda Urbana 2030 actualizarase con máis achegas da cidadanía

Tamén esta mañá, o pleno aprobou a revisión da Axenda Urbana 2030, folla de ruta coa que o Concello vai definindo, de forma progresiva, o futuro deseño da cidade, secundando os obxectivos de desenvolvemento sostible marcados pola UE.

A revisión da Axenda Urbana é clave para concurrir a a novas convocatorias de fondos europeos, tamén para mellorar as infraestruturas nos barrios da cidade. Por iso, o documento precisa deactualizacións que adapten os seus obxectivos ás circunstancias económicas e sociais e ás necesidades da cidade.

Na súa intervención desta mañá, Francisco Díaz Gallego destacou o “consenso xeral” para acometer esta revisión, un proceso no que se tiveron en conta as achegas e propostas da cidadanía, “trasladadas a través do Grupo de Acción Urbana (GAU)”, o que supón que o documento da Axenda Urbana está cuberto en termos sociais.

A ampliación do complexo deportivo da Agra I, un paso máis preto

Por outra banda, a Corporación municipal aprobou hoxe, por unanimidade e de forma definitiva, o estudo de detalle correspondente á ampliación do Complexo Deportivo Agra I, na Agra do Orzán.
A proposta de remodelación, presentada o ano pasado ao Concello pola Xunta de Galicia, estima a creación dun novo volume edificatorio de unión entre o propio Complexo Deportivo da Agra I e o pavillón deportivo do IES Agra do Orzán, mantendo o paso existente entre as dúas edificacións, respectando a separación a lindeiros.