
As persoas seleccionadas viaxarán dúas fins de semana a Bruxelas, con todos os gastos pagos
Un total de 150 persoas dos 27 estados membros da Unión Europea formarán parte do próximo panel europeo de cidadáns, unha fórmula de participación que xa se ten utilizado en anteriores ocasións para debater sobre a loita contra o odio ou a eficiencia enerxética. Nesta ocasión, o obxectivo é recoller recomendacións da cidadanía para a elaboración do orzamento europeo.
Entre os concellos do estado español seleccionados para o recrutamento de voluntarios/as figuran dous da provincia: Melide e Carballo. A elección realizouse por sorteo. Do noso concello poderán participar cinco persoas mozas. As persoas elixidas traballarán, coa axuda de expertos, na elaboración de recomendacións concretas para o novo orzamento europeo. A Comisión Europea cubrirá os gastos de viaxe, aloxamento e comidas, e cada participante recibirá, ademais, 80 euros por día de traballo ou de desprazamento.
As reunións celebraranse nas seguintes datas:
• 28 a 30 de marzo: presencial en Bruxelas
• 25 a 27 de abril: en liña
• 16 a 18 de maio: presencial en Bruxelas
O prazo de inscrición está aberto ata o 16 de febreiro. Os mozos e mozas que teñan interese poden poñerse en contacto coa persoa designada pola Comisión Europea para Galicia, María Edita Núñez Ramos, no número de teléfono 606 079 822. No caso de que haxa máis solicitudes ca prazas realizarase un sorteo.