
A mostra componse de 24 debuxos orixinais que foron doados ao Concello pola súa familia
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presidiu esta tarde a apertura na sala de exposición do Palacio Municipal de María Pita da mostra ‘O legado de José Ramón’, composta por 24 debuxos orixinais do artista coruñés que foron doados pola súa familia ao Concello. “O Goberno de Inés Rey ten na máis alta estima o traballo desenvolvido polos artistas coruñeses, mais José Ramón deixounos tamén algunhas das imaxes máis icónicas da nosa cidade, como o noso escudo”, apuntou o edil. A mostra é de acceso libre e estará aberta ata o 30 de marzo.
A exposición ‘O legado de José Ramón’ xorde a partir dunha xenerosa doazón realizada pola familia do ilustre artista ao Concello, coa que se cumple co desexo expreso do propio José Ramón. “Esta contribución pasará a formar unha parte destacada do patrimonio cultural da nosa cidade, ofrecendo un valioso legado para o goce de toda a cidadanía coruñesa e das persoas visitantes”, apuntou Gonzalo Castro.
Máis que unha homenaxe ao pasado, esta mostra representa unha ponte entre a historia e o presente. A través da súa extraordinaria habilidade, José Ramón logrou capturar a esencia da Coruña, deténdose naqueles momentos e lugares que definiron a súa evolución. A exposición é, ademais, unha invitación para reflexionar sobre a importancia de valorar e preservar o legado histórico, recoñecendo na arte unha ferramenta única para conectar distintas xeracións.
A mostra inclúe 24 debuxos orixinais que narran episodios clave da historia da Coruña. Estas obras serviron como base para que o ebanista Ladislao Stern realizase as icónicas tallas en madeira que decoran o Salón de Sesións do Concello. Así mesmo, a exposición enriquécesecos debuxos orixinais do Libro de Ouro, nos que destacan os seus escudos heráldicos, e con representacións de momentos históricos emblemáticos, como a defensa de María Pita contra as tropas inglesas.
Para completar este percorrido artístico e histórico, preséntase unha selección de obras pertencentes á última etapa creativa do artista que ofrecen unha visión integral da súa traxectoria.
“Hoxe, grazas ao talento e á sensibilidade de José Ramón, temos a oportunidade de mergullarnos na historia da Coruña dende unha perspectiva artística única. A súa obra destaca non só pola súa excelencia técnica, senón tamén pola súa capacidade para actuar como un auténtico cronista visual da nosa cidade, perpetuando a súa memoria a través da arte”, sinalou Gonzalo Castro.