Saturday 22 de February de 2025

O Chanfaina lab concede este ano por primeira vez o premio “Bernardino de Lamas”


O galardón honorífico, que toma o nome dun dos pseudónimos do articulista ferrolán Alfonso Piñón Teixido, entregaráselle o sábado 15 ao realizador ourensán Alberte Pagán

 

Neste mes de febreiro chegamos á segunda parte do IX Chanfaina lab no que poderemos ver e degustar as exquisitas películas filmadas durante a primeira fin de semana do pasado mes de setembro. O encontro audiovisual nacido en 2014 tráenos este ano un total de 24 pezas que se estrearán na gala programada para o sábado 15 de febreiro a partir das 17:30h na Casa da Cultura. Unha cita conducida polo actor Fran Nogueira que arrancará coas presentacións das realizadoras e realizadores participantes para, deseguido, meterse na sesión contínua de proxeccións. Iso si, antes entregarase o premio “Bernardino de Lamas”, que bota a andar nesta edición como recoñecemento á traxectoria daquelas persoas que teñan demostrado o seu compromiso coa creación audiovisual. O primeiro premiado será o realizador, escritor e profesor ourensán Alberte Pagán.

O premio toma o nome dun dos varios pseudónimos utilizados polo xornalista Alfonso Piñón Teixido (Ferrol, 1887 – Madrid, 1973), quen ademais de articulista tamén foi escritor, membro do Partido Galeguista e amante da paisaxe, especialmente da do Val de Lamas. De aí que asinase moitos artigos como “Bernardino de Lamas”, aínda que tamén utilizou o alcume de “Luis de Narahío”.

Alfonso Piñón Teixido / Bernardino de Lamas foi tamén un grande promotor cultural -foi principal promotor do Monumento ao Camiñante descoñecido en Barallobre- e “cineísta” que filmou case 300 bobinas cinematográficas durante as viaxes que fixo por Galicia entre 1924 e 1935. Desa obra, pioneira do noso cinema, consérvanse 90 bobinas nas que se recollen excursións, procesións, romarías, etc., que hoxe teñen un grande valor patrimonial, etnográfico e histórico, tal e como asegura o profesor e promotor do Chanfaina lab Manolo González, autor da biografía de Piñón a piques de publicarse.

“Otero Pedrayo gabouno con admiración como patriota bo e xeneroso; o pintor Vicente Díaz cualificouno de sembrador único de humorismo y cultura e a prensa refírese a el sempre en clave laudatoria: culto galeguista, esclarecedor de incógnitas, As dos andariegos galegos, home dinámico por excelencia, gran persoa e xeneroso e solidario, etc. E cantos o trataron, como os seus amigos da bohemia progresista ferrolá, Felipe Bello, Xaime Quintanilla, Nicolas García Pereira, Vicente Díaz, Alejandro Porto Leis, Matías Usero ou García Niebla, deron fe da súa bonhomía e compromiso con Galicia ata 1936″, relata González.

Piñón Teixido é exemplo perfecto do cineasta amador que filmaba sen unha clara intencionalidade documental, senón máis ben coa de captar e conservar o momento para revivilo despois. A súa figura conecta por esta razón coa esencia do Chanfaina lab como encontro que foxe das estruturas e formas narrativas da industria, pero tamén pola súa vinculación con Lamas, o Pico de Ferreira e Naraío, que Piñón consideraba “o meu país de adopción”.

O Chanfaina lab institúe desde este ano o premio honorífico que leva o seu nome para recoñecer o labor dunha persoa viva que teña demostrado o seu compromiso coa creación audiovisual como cineasta non profesional. Nesta primeira edición o premio entregaráselle ao escritor, profesor e cineasta Alberte Pagán, (Carballiño 1965), pola súa prolífica traxectoria no ámbito do cinema experimental, “na que abordou unha gran variedade de temas, linguaxes e técnicas ao longo de case sesenta pezas, producidas cos seus propios medios”, explican desde o xurado, integrado polo equipo de cociña do encontro audiovisual.

24 curtas
A maioría dos equipos participantes no IX Chanfaina lab xa entregaron as súas curtametraxes, aínda que tamén hai algúns que apuran até o último minuto o prazo de recepción das pezas dado pola organización, que finaliza esta mesma semana. Iso si, os títulos e duracións sábense desde hai tempo e, de novo, o programa das estreas do sábado 15 de febreiro -Casa da Cultura, 17:30h, entrada libre- partirase en dous pases: un que comezará sobre as 18:30h con 13 pezas e unha duración aproximada de 75 minutos, e outro a partir das 20:00h, tras un cuarto de hora de descanso, que rematará sobre as 21:00h ou quizais un chisco máis tarde.

Son 24 pezas en total producidas por Ángela Arnosa, Irene Ávila, Bieito Beceiro, Cruz Piñón; Fran da Lobeira, Fon Cortizo, Fernando Cortizo, Xosé Antón Bocixa / Mónika Chorén, Kevin lorenzo, Iago Lourido, María Martelo, Carlos Martínez-Peñalver, Pablo Martínez, Anxo Pena, Cora Peña, Héctor Pousa, Eva Lareo; Manuel Recouso, Isabel Rei, Álvaro Trigo, Abel Vega, Andrea Zapata-Girau e os colectivos A Rigueira, NaraíoMedia, Teño unha horta, The Sun Girls.

Trala gala de estrea as curtas do Chanfaina lab irán reestreándose na canle de Youtube de Fálame de San Sadurniño a razón de dúas historias cada venres desde o 7 de marzo.

O Chanfaina lab é unha iniciativa de creación audiovisual colectiva promovida polo Concello de San Sadurniño co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña.