
O voceiro municipal, José Manuel Lage, destacou que as contas da cidade ascenden a 379 millóns de euros, as máis elevadas do Concello, con investimentos centrados nos barrios
A alcaldesa, Inés Rey, confirmou hoxe no pleno ordinario que se someterá a unha cuestión de confianza o vindeiro martes 11 de febreiro tras o voto en contra dos partidos da oposición aos Orzamentos Municipais 2025 na sesión desta mañá. O obxectivo do Goberno municipal é conseguir desta maneira que os orzamentos deste ano, os máis elevados dos propostos nunca na Coruña, entren en vigor na primeira semana do mes de abril.
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, lembrou hoxe que as contas previstas para este exercicio, de 379 millóns de euros —catro máis que o ano pasado—, “son as máis elevadas de todas cantas tivo antes este Concello, deseñadas para ampliar o escudo social e para apostar polo barrios mediante un plan con investimentos plurianuais como non se tiña posto en marcha antes”.
Como informou días atrás a alcaldesa, o proxecto de orzamentos para este ano contempla partidas fundamentais para acometer, por exemplo, a rehabilitación da Terraza con vistas a que acolla a sede definitiva da AESIA. Son catro millóns de euros aos que se suman outros 1,5 para iniciar a redacción do proxecto de remodelación do estadio municipal de Riazor, tamén outros 865.000 para finalizar a urbanización dos espazos da Cidade das TIC.
O proxecto de orzamentos, presentado a finais de xaneiro, tamén inclúe as achegas municipais a intervencións de carácter interadministrativo como a renovación da fachada marítima e a integración dos peiraos na cidade, as obras da estación intermodal e as do Novo CHUAC, mais, como incidiu Lage no pleno, tamén investimentos nos barrios.
“O Plan de Barrios pensado ata o 2028 contempla destinar 53,7 millóns só para a súa primeira fase, ata abril de 2027, o que supón o groso dos investimentos previstos polo Concello”, destacouLage, que apuntou a unha das grandes novidades anunciadas polo Goberno de Inés Rey en materia de barrios para este exercicio: a creación dunha nova rede de Oficinas de Atención Cidadá nos dez distritos da cidade, para recoller as achegas e facilitar as consultas da veciñanza en cada barrio.
Neste sentido, con vistas a este ano, o texto dos orzamentos estipula fondos de 3,8 millóns para o mercado de Santa Lucía —que acollerá un centro de saúde, centro cívico e o propio mercado—, 4,9 para acondicionar as dependencias municipais na antiga fábrica de Tabacos, 1,5 para construír a biblioteca municipal de Novo Mesoiro e outros 700.000 para a de Palavea.