
▪ Gonzalo Muíños reitera a solicitude dunha Xunta Local de Seguridade para que Concello e Subdelegación do Goberno aborden conxuntamente a problemática cos mandos policiais “para reforzar a vixilancia pero tamén o control sobre a venta de drogas que permita atallar a orixe do problema”
▪ Propón ademais que se celebre un encontro público con equipos profesionais dos corpos e forzas de seguridade para “facer didácca” e explicar á cidadanía “como proceder e denunciar este tipo de situacións”
Os socialistas manteñen a presión ao goberno local para que “mova ficha” ante o incremento de situacións conflitivas no barrio da Choupana e en Santa Marta relacionadas coa drogodependencia. Á solicitude dunha Xunta Local de Seguridade extraordinario, que xa realizaron de xeito formal, agora súmaselle a proposta de celebrar un encontro público con equipos profesionais dos corpos e forzas de seguridade para “facer didáctica” e que sexan os axentes os que lle expliquen á cidadanía “como proceder e como deben denunciar este tipo de situacións para conseguir atallar a orixe do problema”
Así explicou o seu portavoz, Gonzalo Muíños, logo dun encontro coa veciñanza do barrio no Centro Sociocultural de Santa Marta, no que tamén participaron as concelleiras Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez. Muíños segue a fixar como prioritaria a convocatoria desa Xunta Local de Seguridade de xeito extraordinario que reúna ao Concello, Subdelegación do Goberno e aos diferentes mandos policiais, toda vez que entende que esta cuestión require dunha “acción conxunta” entre os diferentes corpos e forzas de seguridade do Estado.
O portavoz socialista insiste en que o reforzo da presencia policial na zona “para garantir a seguridade dos residentes” é “fundamental”, pero tamén insiste na necesidade de abordar a “orixe do problema” incrementando tamén o control sobre a venta de drogas “que se da nun punto coñecido e localizado”, polo que insiste en que será nesa reunión na que se podería abordar esa estratexia conxunta.
Un problema agudizado desde o verán
As veciñas e veciños do barrio teñen trasladado ao Grupo Municipal Socialista que os conflitos ligados á drogodependencia se agravaron desde o verán. De feito, estes teñen identificados algúns “puntos críticos” como pode ser o novo aparcadoiro de superficie habilitado ao carón do Hospital Clínico xa que, esa explanada, ofrece unha nova vía de acceso ás persoas consumidoras ata o punto de venda. Unha cuestión, explica Muíños, “á que prestar atención”.
O portavoz socialista recoñece que “é un problema complexo” pero afea a “resignación que parece desprenderse das declaracións do goberno local”. Muíños insiste en que “non sirve de nada repetir o mantra de que Santiago é unha cidade segura”, por moito que “como é certo, o número de delitos segue sendo baixo”; se a xente “non o percibe así e volve con medo as súas casas”.
“A preocupación e o medo van en aumento” asegura Muíños despois de manter un encontro con veciñas e veciños da zona, na que rexeitaron facer pública algunha fotografia por cuestións de seguridade. Unha xuntanza na que a veciñanza se interesou por como debía ser a súa forma de actuar, polo que desde o Grupo Municipal Socialista propoñen que se realice unha reunión pública na que participaran tamén as Forzas e Corpos de Seguridade co obxectivo de que se lle explique á cidadanía como actuar ante unha problemática “que se ten agravado nos últimos meses”.
Insiste tamén o portavoz socialista en reclamar un maior control sobre a empresa concesionaria responsable da limpeza viaria e recollida de residuos, toda vez que os novos pregos do servizo -renovado durante o mandato socialista- inclúen a obriga da empresa a recoller xiringas e agullas hipodérmicas dos espazos públicos, así como a controlar de xeito diario as zonas nas que aparezan de xeito habitual estes residuos.