Friday 22 de November de 2024

A nova Lei do Solo permitirá axilizar a tramitación do planeamento dos aeroportos de Vigo e Santiago



A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, reuniuse esta mañá cos responsables dos Plans Directores de AENA e cos directores dos aeroportos de Vigo e Santiago para trasladarlles o novo marco urbanístico

A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, mantivo un encontro cos responsables dos Plans Directores de AENA, organismo dependente do Ministerio de Fomento, para axilizar a tramitación do planeamento dos aeroportos de Vigo e Santiago de Compostela.

O encontro de traballo, que tamén contou coa asistencia dos directores dos aeroportos de Vigo, Noelia Martínez Morato, e de Santiago, Ricardo López Navarro, serviu para poñer en común a importancia que ten a aprobación definitiva do planeamento que regule as actuacións de desenvolvemento da actividade aeroportuaria e cos que se dá cobertura urbanística ás previsións dos Plans Directores elaborados previamente por AENA.

Neste senso, o responsable de Aena, Pedro Bendala, concretou que os Plans Directores que recollen a planificación do sistemas xerais aeroportuarios de cara aos vindeiros cinco anos afectan, no caso de Vigo, a terreos dos concellos de Redondela, Vigo e Mos; e no caso de Santiago, aos dos concellos do Pino, Boqueixón e Santiago de Compostela.

A secretaria xeral, Encarnación Rivas, trasladoulles que a nova Lei do Solo dá un novo encaixe a estes instrumentos polo seu carácter supramunicipal –cada un deles afecta a tres concellos-, xa que o texto normativo incorpora unha disposición adicional específica que lles facilita unha cobertura máis axeitada de cara a axilizar a súa tramitación, previa declaración da súa incidencia supramunicipal por parte do Consello da Xunta.

A Disposición Adicional Segunda da nova Lei do Solo 2/2016 recolle que naqueles supostos en que a lexislación sectorial competente remita a ordenación urbanística dun sistema xeral a un plan especial que afecte a máis dun termo municipal, o referido plan especial será tramitado de conformidade co disposto na lexislación de ordenación do territorio para os proxectos sectoriais.

Nos vindeiros días os técnicos da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo trasladarán aos técnicos de AENA a nova tramitación con arranxo a nova Lei 2/2016 que entrará en vigor o vindeiro día 19 de marzo