
O portavoz do BNG de Santa Comba, Juan David Sixto, sinala a falta de compromiso do goberno municipal á hora de atender ás necesidades do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Considera que as axudas solicitadas á Xunta “son insuficientes” e “amosan o desleixo co que se está a tratar un tema básico como o coidado a persoas dependentes”.
Juan David Sixto, portavoz nacionalista de Santa Comba, sinala que a situación límite que se está a vivir desde hai meses no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello da poboación da comarca do Xallas segue a ser unha materia pendente por parte do goberno do PSdG-PSOE.
De feito, sinala Sixto, isto queda demostrado na última subvención solicitada ao respecto á Deputación da Coruña, onde o Concello realizou unha solicitude de soamente 49.000€ na súa partida orientada ás traballadoras “fronte aos 70.000 solicitados desde un concello veciño como o de Mazaricos, con menos da metade de poboación”. Asemade, destaca que o monto para funcionariado de persoal técnico nas escalas superiores chega aos 60.000€, cando “a urxencia do servizo está no corpo laboral”.
Isto vén sumado a situacións que o BNG vén denunciando nos últimos meses, nas que o Concello xa ten recoñecida a súa incapacidade para xestionar o servizo, afectando ás máis de 90 familias usuarias do mesmo. Por exemplo, destaca o portavoz municipal, “en ocasións anteriores tense sinalado ás traballadoras acusándoas de absentismo laboral, cargándoselles as responsabilidades cando están no límite físico e mental por unha carga excesiva que non se debería ter acadado baixo ningún concepto”. Así, a “única situación límite é a falta de organización do Concello”, que “non está a cumprir co convenio que o mesmo equipo de goberno asinou”, e que incluso leva a que as persoas que se encargan da labor vaian cambiando os domicilios aos que acoden “de tal xeito que é imposible xerar o clima de confianza necesario para realizar a súa labor con eficacia”.
Debido a esta situación, dende o Concello búscase unha solución de compromiso que incluiría a subcontratación do servizo a unha empresa externa, solución esta que non convence ás persoas prestatarias do mesmo por ser unha responsabilidade do goberno.
Unha realidade que vén de lonxe.
Con todo, como lamenta Juan David Sixto, esta non é unha realidade nova, nin sequera que proceda do goberno actual, xa que “a irresponsabilidade que deriva nesta situación xa procede do anterior goberno do PP, que agora na oposición tampouco fai nada máis que quedar de brazos cruzados e gabarse mentres o PSdG-PSOE continúa a súa liña de inacción”.
Pide o portavoz nacionalista, Juan David Sixto, que dende a institución de goberno se busque poña fin a esta situación de precariedade e que se enfoque en ofrecer condicións laborais dignas que permitan que o convenio se cumpra e os turnos se acollan ao indicado”. Do mesmo xeito, sinala a importancia de que “a veciñanza de Santa Comba poida ver as súas necesidades de coidados cubertas acorde ao que se supón que ten que ser un servizo básico nun concello coma o noso “.