
— Xunta, Fegamp, Confederación Hidrográfica Miño-Sil e outros organismos aproban por unanimidade a actualización e revisión da avaliación preliminar da nova planificación nas áreas que xestiona Augas de Galicia
— Esta nova planificación incorpora dúas novas ARPSIS fluviais e amplía unha xa existente de xeito que se alcanza un total de 172 ARPSIS fluviais e 28 costeiras
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou hoxe no Comité de Autoridades Competentes da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, no que, entre outras cuestións, se aprobou por unanimidade a actualización e revisión da avaliación preliminar do risco de inundacións (EPRI) para o ciclo 2028-2033
Segundo dixo a conselleira, esta aprobación supón un paso previo fundamental para o desenvolvemento do Plan de xestión de risco de asolagamentos así como do Mapa de perigosidade xa que incorpora a proposta de Áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI). Nese senso, esta nova planificación incorpora dúas novas ARPSIS fluviais, en Oleiros e Ferrol, e amplía unha xa existente no concello de Ponteceso. Deste xeito, “en total alcánzase un total de 172 ARPSIS fluviais e 28 costeiras”, engadiu Ángeles Vázquez.
A maiores, este documento, ademais dos eventos de inundación ocorridos entre 2018 e 2023, recolle tamén as proxeccións do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC), que indican un aumento de eventos extremos con choivas máis intensas e maior frecuencia de asolagamentos. Así, segundo indicou a conselleira, é fundamental a análise da situación actual así como o deseño e a toma de decisións que permitan unha mellor adaptación aos novos retos climáticos.
Ademais, na reunión celebrada hoxe en Santiago de Compostela, tamén se fixo un seguimento do Plan de xestión de risco de inundación (PXRI) 2023, que ten como obxectivo reducir os impactos dos asolagamentos coa implementación de medidas estruturais e non estruturais. Esta análise permitiu avaliar o grao de execución das actuacións desenvolvidas como o reforzo dos sistemas de alerta, as obras de mitigación do risco en áreas prioritarias ou a divulgación de campañas de sensibilización sobre esta materia.
Para concluír, a conselleira puxo en valor “a coordinación, a cooperación e a implicación” de todos os membros do Comité de Autoridades Competentes da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa de cara ao desenvolvemento de accións que garantan o cumprimento dos prazos establecidos na normativa vixente así como das medidas preventivas e correctivas necesarias para a xestión sustentable da auga.